O CCG achega en liña a xornada conmemorativa dos 75 anos do Galician Programme na BBC

martes, 21 de xuño do 2022 S. P.

O Consello da Cultura Galega vai celebrar este 21 de xuño, cunha xornada, o 75 aniversario do inicio das emisións do Galician Programme na canle británica BBC, unha programación radiofónica estábel en galego cara ao mundo que veu co engadido extra de terse materializado nun contexto extremadamente represivo: o contexto franquista do ano 1947. O CCG conmemora este acontecemento histórico que en boa maneira serve de alicerce á revolución cultural galega que podemos ver hoxe na Rede. De feito, a cita deste martes servirá tamén para analizar as posibilidades que ofrecen as novas canles e ferramentas para dar azos a iniciativas análogas.
Impulsado por un produtor da Sección Española, o exiliado ourensán Alexandre M. Raimúndez, o Galician Programme mantívose activo entre 1947 e 1956. Polos seus micrófonos pasaron Plácido Castro, Leuter González Salgado, Felipe Fernández Armesto, Xosé Ramón Fernández-Oxea "Ben Cho Sey" e Francisco Fernández del Riego, entre moitos outros.
O Consello da Cultura Galega (CCG) destina este martes 21 de xuño unha xornada para contextualizar este fito e, de paso, homenaxear aos seus artífices.
A cita é presencial pero pode seguirse en directo a través da web da institución.
A xornada está artellada arredor de catro mesas. A primeira delas, moderada por Xulio Ríos, leva por título Radiodifusión exterior, franquismo e Guerra Fría e nela participan a profesora e directora de cine, Margarita Ledo Andión, e Luis Zaragoza Fernández, xornalista de Radio Nacional de España e historiador. De seguido, María Xosé Porteiro modera outra mesa que analiza o papel da BBC e as súas emisións exteriores. Con Guy Hedgecoe, correspondente da BBC, e Inma Gil Rosendo (que intervirá de maneira telemática), xornalista multimedia e analista de datos e estratexia en YouTube para o departamento de Desenvolvemento Dixital do Servizo Mundial da BBC.
A cita continúa pola tarde con dúas mesas: a primeira afonda nas emisións en catalán e éuscaro na BBC a cargo de Cinto Niqui Espinosa, doutor en Ciencias da Comunicación e director do programa L’altra ràdio de Radio Nacional de España (que participa por vídeo-conferencia) e outra por Leyre Arrieta Alberdi, doutora en Historia Contemporánea e profesora titular da Universidad de Deusto. Esta conversa contará coa moderación de Tino Santiago. A segunda e última consiste nun diálogo entre Afonso Vazquez-Monxardín, catedrático de Lingua e Literatura Galega no Ensino Medio e autor dunha publicación sobre este programa, mais Antonio Raúl de Toro, catedrático honorario de Filoloxía Inglesa na Universidade da Coruña. María Obelleiro é a encargada de moderar esta mesa que analizará o galego nas emisións da BBC.

PUBLICIDADE