O CCG inaugura o proxecto Voces da ciencia cun podcast sobre o químico Fernando Fraga

venres, 8 de outubro do 2021 S. P.

O Consello da Cultura Galega e a Asociación Galega de Comunicación de Cultura Científica presentaron este 8 de outubro, coincidindo coa celebración do Día da Ciencia en Galicia, o proxecto Voces da ciencia, unha iniciativa para indagar ao redor das nosas investigadoras e investigadores e as súas máis importantes contribucións. Cada mes publicarase na web do CCG unha nova entrega que arrinca este día 8 coa voz do químico Fernando Fraga.
Fernando Fraga (Santiago de Compostela, 1922 - Nigrán, 2020) foi un químico que dedicou boa parte da súa carreira investigadora aos océanos. De feito, dicían os seus colegas que “tiña o océano na cabeza”. Os seus traballos permitiron escribir por primeira vez como o afloramento costeiro é o causante da altísima produtividade das Rías Galegas. A entrevista que abre este proxecto é unha das últimas que concedeu e dos poucos rexistros sonoros que existen coa súa voz.
O podcast sobre a súa vida e traxectoria científica foi elaborado a partir da entrevista inédita realizada a Fernando Fraga en xullo de 2019, cando este contaba con 97 anos, por Luisa Martínez Lorenzo da Unidade de Cultura Científica do CSIC en Galicia, e os investigadores do Centro Oceanográfico de Vigo do Instituto Español de Oceanografía Santiago Fraga Rivas e Francisco Rodríguez Hernández. A edición sonora é de Manuel Vicente.

PUBLICIDADE