O CCG publica un catálogo virtual da mostra Afonso X e Galicia

venres, 11 de xuño do 2021 Pedro Pérez

O Consello da Cultura Galega vén de engadir na rede o catálogo da exposición Afonso X e Galicia para celebrar o 800 aniversario do nacemento de Afonso X. A publicación, que está en galego, inglés e castelán e nace como complemento á mostra presencial de Ourense, é interactiva e xa se pode consultar e descargar no espazo web do CCG.
O catálogo ofrece un discurso lineal por temas arredor da figura de Afonso X, que explica a súa orixe, a súa valía, a súa obra e as súas conquistas. “É o texto de referencia ilustrado con exemplos e ten unha virtudes propias dun libro electrónico como o son e a capacidade de interactuar co catálogo”, explicou o seu comisario, Antoni Rossel.
Esta iniciativa sae como complemento á exposición homónima que acolle o Centro Sociocultural Marcos Valcárel de Ourense ata o 22 de agosto, que pretende achegar a figura do rei sabio desde unha óptica galega. Outro dos espazos está destinado a ofrecer a vida e conflitos persoais do monarca, ademais da música e instrumentos medievais coas distintas reproducións chegadas desde o CENTRAD da Deputación de Lugo, que leva anos traballando neste eido. A última zona da exposición está dedicada a ilustrar graficamente a sociedade medieval e a vida do monarca a través das imaxes do Códice Rico do Escorial das Cantigas de Santa María.
A exposición ten diferentes niveis de lectura, a través de códigos QR que remiten a un espazo web onde se aloxan textos recitados, música e información, ademais do catálogo virtual para enriquecer a visita. “O catálogo é a guinda que lle faltaba ao pastel, dálle unidade e pecha o círculo”, explica o músico Antoni Rossell.

PUBLICIDADE