O CCG realiza diversos roteiros virtuais para conmemorar o legado de Afonso X

venres, 19 de febreiro do 2021 Sandra Rivadulla

O Consello da Cultura Galega presenta unha serie de roteiros virtuais polo legado de Afonso X, xa que no 2021 cúmprense oitocentos anos dende o seu nacemento.
A primeira iniciativa que se levou a cabo foi a exposición Afonso X e Galicia, que actualmente está pechada por mor da pandemia. Por iso, como complementos aparecen unha serie de roteiros que percorren o patrimonio galego relacionado co legado afonsino. Así, cada xoves subirase á web do Consello un novo itinerario deseñado por Antoni Rossell, comisario da exposición, que incluirá textos do historiador Victoriano Nodar.
En resumo, esta semana comeza un roteiro polo occidente da provincia da Coruña, que percorre o territorio marítimo e os ecosistemas da ribeira que asistiron ó novo nacemento urbano no século XIII, favorecido por reis como Afonso X. Este é o primeiro itinerario dos oito que trata temas xeográficos e culturais.
Os roteiros difundiranse dende o sitio web e as redes do Consello da Cultura Galega en forma de documentos, códices, pezas, esculturas moedas, xoias e outros formatos. Doutra banda, a exposición conta cun espazo web e outro audiovisual que permiten acceder ao contido amosado noutros soportes. En particular, a web contén textos recitados, música e informacións da exposición. Ademais, entre os contidos complementarios que xa se poden consultar, destacan unha serie de entrevistas a destacados especialistas como Enrique Monteagudo, Francisco Prado Vilar, Carlos Núñez ou Elvira Fidalgo. Mentres, o traballo audiovisual, da man de Nós TV, sintetiza aspectos da traxectoria de Afonso X.

PUBLICIDADE