O CCG rexistrará o son simultáneo de corenta recantos do casco histórico compostelán

martes, 4 de febreiro do 2020 Fernando Sarasketa

Rosario Álvarez, presidenta do Consello da Cultura Galega, nunha imaxe de Antonio Hernández para El Correo Gallego

O Consello da Cultura Galega vai acoller esta semana (mércores e xoves) unhas xornadas que tocarán as posibilidades (amplas, enriquecedoras) da vertente máis participativa, social e comunitaria das novas tecnoloxías para preservar a nosa riqueza acústica. O encontro Os arquivos sonoros: memoria e patrimonio será inaugurado na sede do CCG ás 9.45 horas pola presidenta da institución, Rosario Álvarez, e o director do Arquivo Sonoro de Galicia, Xosé Ramón Pousa. No transcurso da sesión, rexistrarase a través dunha experiencia colectiva, a pé de rúa, a identidade sonora de Compostela. Farase partindo da base de corenta rexistros noutros tantos recantos do casco histórico, co son da Berenguela como elemento vertebrador. Esta experiencia será coordinada, precisamente, por Xosé Ramón Pousa.
O obxectivo das xornadas é “pór o foco na importancia que son ten para a memoria” e ilustrar ata que punto as técnicas dixitais poden preservalo, difundilo, inmortalizalo e poñelo en valor.
A presidenta do CCG, Rosario Álvarez, será a encargada de inaugurar esta cita, que concentra durante dous días a especialistas no rexistro e tratamento de recursos sonoros.
As sesións comezarán coa intervención de Miquel Termens Graells, decano da Facultade de Información e Medios Audiovisuais da Universitat de Barcelona, que dará as claves de como almacenar un documento sonoro para o futuro. Despois, Ángeles Afuera, investigadora da Universidad Complutense de Madrid e exdirectora dos arquivos da Cadena Ser, intervirá para explicar como a radio pode ser unha fonte documental sonora.
Pecha a mañá do mércores o investigador e etnomusicólogo Iñigo Sánchez, que ofrecerá a súa experiencia de como se pode apreciar a transformación dun barrio histórico dunha cidade como Lisboa a través do son.
As sesións expositivas continúan o xoves con Javier Suárez Quirós, profesor da Universidade de Oviedo, que falará de Mapas sonoros e culturas emerxentes: Unha metodoloxía para a análise acústica perceptiva e afectiva das paisaxes sonoras nas Smart Cities. Pecha esta cita unha mesa redonda na que Xabier Erkizia, Manuel Gago e Paulo Marques falan dos mapas sonoros de Euskadi, Galicia e do proxecto portugués Natural soundscapes in a changing world.
A experiencia compostelá
O programa reserva a tarde do mércores para a experiencia sonora compostelá, unha xeira de rexistro á que están convidadas a participar as persoas inscritas neste seminario. A proposta consiste en gravar de maneira simultánea o son ambiente en corenta puntos do casco histórico compostelán cunha serie de indicacións e pautas. O son da campá da Berenguela será o elemento integrador en toda a actividade, que se subirá posteriormente ao Mapa Sonoro de Galicia posto en marcha e mantido polo Consello da Cultura.