O CCG sube á Rede o arquivo completo da revista Teima

martes, 3 de maio do 2022 Anxo Sesto

O Consello de Cultura Galega pon a disposición da cidadanía un especial que incorpora os 35 números que conforman a historia da Teima. Unha publicación que se presentou “co obxectivo de informar e analizar criticamente o que preocupa a tódolos homes de Galicia”. Na presentación recoñecían no editorial que “faltaba un medio, unha revista pensada e redactada en galego, que presentase, sintetizase e analizase as diferentes caras das realidades galegas”.
Alén do arquivo completo do semanario, o especial inclúe Teima, case medio século despois, no que Ánxel Vence, antigo director da revista, indica que “foron moitos os que teimaron aquela Teima. Entre os pais fundadores figuraban Carlos Casares, Xosé Manuel Beiras, Daniel Pino, Xan López Facal...” No número de agosto de 1977, período marcado pola axitación política e social tralo remate da ditadura franquista, Teima sacaba do prelo o número 35 que remataba o seu editorial con estas verbas: “A Historia está do lado dos que cremos que inevitablemente haberá un mañá de liberdade, pese a accidentes tan cativos como a posible caída deste semanario. Galicia perde unha voz, e nada mais. Non termos presa”.
Este Proxecto Hemerográfico da dixitalización de publicacións insírese dentro dunha liña de traballo do Consello da Cultura Galega que xa publicou tamén a edición completa de A Nosa Terra e o proxecto Repertorio de prensa da emigración, que cada terceiro xoves de mes difunde novas cabeceiras xurdidas da man de sociedades galegas fundadas na emigración.

PUBLICIDADE