O CDTIC acollerá a presentación de Mailbor, o servizo galego smart de correo electrónico

luns, 20 de febreiro do 2017 Fernando Sarasketa

Será mañá, 21 de febreiro, cando o Centro Demostrador TIC (CDTIC) da Axencia para a Modernización Tecnolóxica de Galicia (AMTEGA) leve a cabo unha sesión demostradora titulada Descubre o correo electrónico intelixente Mailbor, celebrada nas súas instalacións de Santiago en horario de 16.15 a 19.15 horas. E sobre que tratará este encontro? Pois amosarase unha solución cen por cen galega para xestionar mellor a documentación dixital das súas empresas. Trátase da solución Mailbor e achega unha manchea de posibilidades, tal e como temos reflectido en Código Cero.
Na sesión amosarase como realizar a xestión do correo electrónico de xeito eficaz a través da devandita ferramenta, como enviar mensaxes de gran tamaño ou con confirmación de identidade, como compartir contas de correo ou arquivos, como aloxar arquivos e outros temas. Farase especial fincapé nunha das funcións estrela de Mailbor: a posibilidade de inventar no mesmo intre e sen ningún tipo de configuración previa, todos os enderezos de correo electrónico que desexemos.
A quen vai encamiñada esta sesión? De xeito principal a empresas que queiran mellorar a xestión dos seus correos electrónicos e a súa información dixital.
Cómpre subliñar que a dita sesión será impartida por Ricardo Villa, director executivo (CEO) de Mailbor. Segundo avanza Villa, amais das devanditas funcionalidades, Mailbor atesoura outras moitas posibilidades de xestión moi destacadas, como a posibilidade de organizar e ordenas os correos mesmo antes de recibilos, ou crear secuencias de traballo en liña a través do correo na que cada persoa ten un papel determinado ao abeiro da cadea.
Para participar nesta actividade cómpre inscribirse na web do CDTIC. A asistencia é de balde e aínda fican prazas libres para asistir.