O CEI-Nodus (Lugo) rexistra unha ocupación máxima con 26 iniciativas empresariais innovadoras
martes, 25 de novembro do 2025
O alcalde de Lugo, Miguel Fernández, acompañado do edil de Dinamización Económica, Mauricio Repetto, visitou o Centro de Empresas e Innovación do Concello de Lugo (CEI-Nodus), unhas instalacións municipais que, na actualidade albergan a 26 iniciativas empresariais en diferentes fases de implantación, das cales 22 operan tanto desde o propio Viveiro de Empresas como desde o coworking municipal, mentres que outros catro negocios estanse a desenvolver no sementeiro, tamén integrado no CEI-Nodus.
O rexedor explicou que “estes datos supoñen un récord de ocupación destas instalacións municipais que son, todo un valor á hora de xerar emprego e de contribuír a que o talento quede na nosa cidade e tamén a captar o que vén de fóra”. Tamén o concelleiro responsable destas instalacións municipais, Mauricio Repetto, chamou a atención sobre outra cualidade igualmente importante dos viveiros de empresas: “A diversidade das distintas iniciativas que se están a implementar desde o CEI-Nodus é unha gran vantaxe para o crecemento de Lugo; un progreso que afecta a diferentes sectores o que redunda nun mellor posicionamento empresarial”.
De feito, desde a área de Dinamización Económica sinalan que na actualidade hai 22 empresas no viveiro e no coworking do CEI-Nodus e catro iniciativas empresariais no sementeiro, que traballan para a implementación de negocios que se atopan en diferentes fases e que pertencen a sectores tan diferentes como as novas tecnoloxías, a alimentación, a saúde, o hoteleiro, a moda sostible, o turismo e a cultura.
Estas empresas novas contan coa axuda da área de Dinamización Económica para cuestións xurídicas, asesoramento técnico, solicitude de subvencións, presentación de trámites burocráticos ou outro tipo de prestacións necesarias para a posta en marcha dunha empresa.
Desde a súa posta en funcionamento, en novembro de 2004, preto de 130 empresas estiveron instaladas nestas dependencias municipais, onde recibiron asesoramento máis de 230 emprendedores. A posta en marcha destes novos negocios supuxo segundo comenta o alcalde de Lugo “a creación de máis de 600 empregos, ao tempo que permitimos que o talento, ben de Lugo ou de fóra, quede na nosa cidade, brindando a oportunidade de que a xente poda quedar en Lugo e desenvolver aquí o seu proxecto de vida”.
Pola súa banda, o Concelleiro de Dinamización Económica, Mauricio Repetto, sinalou que “non só é importante esas máis de 130 empresas postas en marcha neses anos nin os máis de 600 postos de traballo que supuxeron, senón que estamos a falar de firmas desenvolvidas con éxito”. Neste sentido apuntou que “temos unha porcentaxe de supervivencia por riba do 75 por cento, o que significa que o modelo posto en marcha por este Goberno local para apostar polo emprendemento e polo fomento da innovación, a través da implantación de novas empresas, está a ter éxito ”.
