
O presidente da Xunta aproveitou esta oportunidade para dar conta do proceso de actualización do supercomputador Finis Terrae, que terá lugar durante o ano que vén, e que dotará a este equipamento de novas capacidades de procesamento para manter ao CESGA nunha das posicións líderes no ámbito da supercomputación europea.
Este novo proceso anunciado polo presidente galego forma parte, dixo, da “aposta inequívoca” da Xunta polo mantemento do CESGA entre a elite do desenvolvemento tecnolóxico, e que xa deu lugar, este mesmo ano, a un investimento conxunto entre a Xunta e o Estado de 3,7 millóns de euros para poñer en marcha a rede RECETGA-Nova. Segundo indicou, esa foi a chave para “multiplicar por 800 a capacidade da rede científica e tecnolóxica que, co CESGA como núcleo, une universidades, centros tecnolóxicos e empresas galegas”.

Ademais, indicou que o Centro de Supercomputación creou o primeiro nodo de conexión á Internet da Comunidade, sendo así “pioneiro no que hoxe é o máis cotián: compartir información e coñecemento con outras persoas en calquera parte do mundo”. E, ao mesmo tempo, abriu a porta “á internacionalización da nosa ciencia”, en tanto que estableceu colaboracións cos grandes centros de investigación, como a NASA ou o CERN de Xenebra, e permitiu involucrarse na identificación do bosón de Higgs ou na loita contra o cambio climático.
Alberto Núñez Feijóo puxo en valor o traballo das 41 persoas que actualmente operan neste centro baixo o mando de Javier García Tobío para, entre outras cousas, “obter o máximo rendemento dun dos mellores supercomputadores de Europa e o segundo mellor de España, como é hoxe o Finis Terrae”.
Segundo destacou o mandatario galego, as cifras arroxan “un máis que favorable balance”, pois só na última década xurdiron do CESGA máis de 2.000 artigos de investigación, 210 teses doutorais e 59 libros ou capítulos de libros. E, neste tempo, albergou 171 proxectos de investigación que mobilizaron 533 millóns de euros. Así mesmo, indicou que os datos do presente son “prometedores”, posto que na actualidade o CESGA dá servizo a 550 investigadores e xestiona unha rede que usan a diario 90.000 persoas, implicadas dalgún xeito na procura de progreso científico que alumeará “sorprendentes e proveitosos resultados”.
Edición especial de Código Cero dedicado aos 20 anos do CESGA
