O CESGA celebrou o Día das Rapazas nas TIC amosando propostas para equilibrar a balanza de xénero no sector

xoves, 24 de abril do 2014 Fernando Sarasketa

JPEG - 116.7 KB
As empresarias TIC amosando cadansúas experiencias perante as estudantes galegas de secundaria na xornada celebrada hoxe en Santiago/ Imaxes de Abraham Martínez, CESGA

Por desgraza o mundo das TIC segue a ser un mundo maioritariamente de homes. A nivel empresarial as cousas están así e a nivel educativo a situación tampouco é moi diferente. Unha vez máis, os culpábeis desta situación somos todos en maior ou menor medida, contribuíndo á permanencia de estereotipos que non responden a nada, e que comezan a presentárselles ás nenas e aos nenos dende idades ben temperás (cóntanse por centos os debuxos animados de máis audiencia que ofrecen roles femininos machistas e tradicionais). Dende a iniciativa europea ICT-Go-Girls, coordinada polo Centro de Supercomputación de Galicia, quérese inverter esta situación. E como facelo? Pois activando recursos dende a raizame desta discriminación: o ámbito educativo. Hoxe mesmo celebrouse na sede do CESGA o Día Internacional das Rapazas das TIC (Girls in ICT Day 2014) e ao abeiro da cita amosáronse múltiples exemplos de ideas preconcibidas que cómpre derrubar.
A xornada de celebración, promovida e coordinada pola ITU (International Telecommunications Union), encamíñase a facer visíbel o traballo de mulleres profesionais no eido das TIC, fomentando vocacións femininas e impulsando a paridade no sector. No caso da nosa terra, a celebración ten unha importancia especial, en boa medida porque unha entidade galega, o CESGA, promove e coordina o proxecto europeo ICT-Go-Girls!, do que abrolla precisamente a conmemoración das profesionais do ámbito tecnolóxico-dixital. Este proxecto diríxese a pór de relevo entre as nosas rapazas de secundaria o potencial profesional dunha formación e dunha experiencia TIC. De feito, dende o programa saliéntase que se trata dun dos sectores que amosa arestora máis vitalidade á hora de fornecer contratacións. Sen ir máis lonxe este foi o dato arredor do que xirou a intervención de Javier García Tobío, director do CESGA, quen abriu as actividades lembrando que en referencia ao sector hai 100.000 novos postos de traballo dispoñíbeis cada ano no eido da Unión Europea, circunstancia de renovación continua que debemos aproveitar para darlle a volta ás estatísticas de xénero.

JPEG - 129.3 KB
Mesa inaugural da xornada

No acto tamén interveu Mar Pereira, directora da Axencia para a Modernización Tecnolóxica de Galicia, quen se presentou ante a rapazada reunida no CESGA (fisicamente e a través de videoconferencia dende diversos centros de secundaria da nosa terra) como “muller adicada ás TIC”. O seu relatorio comezou expoñendo a realidade da súa contorna profesional: un departamento da Administración autonómica que amosa unicamente unha porcentaxe de mulleres do 25%, cousa que, dixo, tamén é aplicábel á totalidade do sector galego, en boa medida integrado por homes. Ao seu xuízo, estanse a facer cousas importantes para cambiar esta situación, “unha situación que cómpre mudar xa”, e a iniciativa ICT-Go-Girls! é un bo exemplo diso. Asemade, informou que o compromiso de loitar contra as fendas de xénero nas novas tecnoloxías é un dos grandes cometidos de AMTEGA, un labor que en parte fundaméntase baixo a seguinte mensaxe: “O sector TIC é un sector cheo de posibilidades para as mulleres”. Ao tempo, díxolles ás estudantes que se trata dun traballo de tipo creativo e con capacidade para mudar as cousas que nos rodean, para mellorar a calidade de vida da xente, alicientes de abondo como para teren en conta este tipo de profesión. Ao mesmo tempo, avogou por desbotar definitivamente a idea de que adicarnos ás TIC implica necesariamente “estarmos pechadas” nun laboratorio de desenvolvemento, xa que cada vez está máis claro que a realidade é ben distinta, e que poucas profesións hai que teñan tanto contacto coa realidade quen os rodea coma a tecnolóxico-dixital.
Na xornada de celebración tamén participou María José R. Malmierca, responsábel do Departamento de e-learning e ferramentas colaborativas do CESGA, quen fixo un repaso polos obxectivos de ICT-Go-Girls e, máis polo miúdo, polas cousas que se están a facer dende a dita iniciativa para localizar a raizame do problema, atallala e pór en marcha medidas que equilibren a balanza de xénero no eido TIC. Malmierca lanzoulles ás presentes a seguinte pregunta: Como é posíbel que non haxa máis mulleres neste ámbito? Segundo explicou, respostas a esta cuestión hai moitas, pero en base aos estudos feitos polo proxecto europeo cómpre salientar unha serie de culpábeis ben concretos e definidos. Por unha banda a formación, que falla na presentación das posibilidades das TIC e en motivar ás nosas rapazas cara unha carreira de tipo tecnolóxico. Asemade, tamén hai moito que facer en materia de visualizar e amosar os éxitos dunha chea de mulleres, os cambios e importantes transformacións sociais que as novas tecnoloxías poñen en xogo, a localización dos estereotipos e a necesidade de ensinar a desconfiar deles (estereotipos dos que están inzados todo tipo de programas de TV de meirande audiencia, series, libros e películas). Malmierca lembrou que dende o proxecto europeo quérese mellorar basicamente a cultura TIC, as destrezas e os recursos nas aulas. Por este motivo, recordou que se está a traballar directamente con dous centros educativos galegos (CPI O Cruce de Cerceda e IES Rosalía de Santiago) para logo estender os logros xerados ao noso ensino en xeral.
A conmemoración das mulleres nas TIC celebrada no CESGA rematou cunha máis que interesante exposición de casos de éxito de emprendemento feminino tecnolóxico-dixital, emprendemento ademais galego, abríndose logo dos diferentes relatorios unha rolda de preguntas e respostas cos centros formativos participantes. A idea básica foi contribuír a normalizar a opción de traballar nas TIC como unha posibilidade a ter moi en conta entre as estudantes galegas, quitándolle ferro e desmentindo falsas crenzas. Como por exemplo que o ámbito técnico debe ser cousa de homes. Nesta liña movéronse todas as participantes, dende Alba Souto (co-fundadora de Bampifu, unha innovadora marca de roupa para bebés que se sustenta no uso integral das novas tecnoloxías da información, tanto para o deseño e a promoción como para a comunicación interna e externa, como tamén para o acceso aos traballos en marcha, que están na nube) a Cristina Gamallo (socia fundadora de SITUM, unha nova firma que se dedica a comercializar unha ferramenta que facilita as nosas visitas a determinados espazos pechados, empregando GPS de interiores e aplicándose a unha chea de ámbitos, evitando co axuda do noso móbil que nos extraviemos en edificios de grandes dimensións, tipo centro comercial). En semellantes termos de reivindicación das TIC entre as mulleres expresouse Susana Ladra, vicedecana de Organización Académica da Facultade de Informática da Universidade da Coruña, quen se amosou convencida do descoñecemento xeral que hai, aínda a día de hoxe, da profesión que representa. Ao seu xuízo, ser informática é ser unha persoa que deseña solucións para o día a día das demais persoas, nin máis nin menos. Solucións persoais que nos axuden a estar máis comunicados e informados e tamén para as empresas. Na súa opinión, está claro que en informática precisas en boa medida entender ao resto da xente, “e coido que as mulleres somos quen de facer iso especialmente ben”, sinalou. E engadiu: “Os que practican este tipo de traballo non son frikis encerrados todo o día en espazos pechados”.
Por último, rematou a rolda de exposicións Ángeles Pariente, xerente do Laboratorio de Ideas A2, que achegou o punto de vista de “traballadora con formación de letras traballando no ámbito informático”, amosando ao mesmo tempo a súa experiencia de coñecemento da Rede, que comezou avaliando webs cando estas aínda non eran máis que simples tarxetas de visita e descubrindo máis tarde, ao longo dos anos recentes, as múltiples posibilidades de comunicación que levaban dentro das páxinas en Internet e as redes sociais. Sinalou tamén que en contra do que se pode pensar, non é preciso que teñamos formación estritamente tecnolóxica para adicarnos ás TIC, e que hai moito que facer para unha persoa de letras ao abeiro da Sociedade da Información.
Participantes na celebración
· CESGA (Coordinador do Proxecto ICT-Go-Girls!)
· Secretaría Xeral Igualdade (Colaborador Proxecto ICT-Go-Girls!)
· Consellería de Educación (Colaborador Proxecto ICT-Go-Girls!)
· USC (Participante Proxecto ICT-Go-Girls!)
· AMTEGA – Unidade Muller e Ciencia-
· Colexio Profesional de Enxeñería Informática de Galicia (CPEIG)
· 13 Centros de ensino interesados (entre os que están os dous centros piloto proxecto involucrados ICT-Go-Girls: CPI O Cruce (Cerceda, A Coruña), IES Rosalía (Santiago de Compostela).

PUBLICIDADE