O CESGA crea unha aplicación e un xeoportal para afianzar nas escolas o estudo da natureza

martes, 25 de outubro do 2016 Redacción

O proxecto PhenoloGIT, do que xa temos falado en Código Cero salientando a súa vertente galega (a través do traballo do Centro de Supercomputación de Galicia) e dos seus obxectivos (trátase dunha achega europea que impulsa novas vocacións científicas nas escolas e un acubillo de datos sobre fenómenos naturais onde compartir información), vén de ser fonte de importantes novidades a nivel de ferramentas. Ou sexa, a nivel de facianas visíbeis de PhenoloGIT. Segundo nos conta o devandito centro galego (CESGA), este desenvolveu ao abeiro do proxecto europeo unha aplicación e un xeoportal destinados a favorecer nas escolas os estudos científicos sobre a natureza. Trátase, engade, de ferramentas pioneiras que, entre outras cousas, facilitan o emprego sinxelo de tecnoloxías de información xeográfica nos centros educativos, amais de impulsar a análise “sobre os cambios da natureza”.
Sinalar que as primeiras versións operativas destes recursos serán presentadas os días vindeiros perante os socios europeos, máis polo miúdo os 27 e 28 de outubro. Segundo explica o CESGA, os integrantes e impulsores de PhenoloGIT son unha equipa de expertos europeos en tecnoloxías da educación, así como 16 escolas de primaria e secundaria de catro países da contorna: España, Reino Unido, Lituania e Dinamarca. Ao abeiro do proxecto, os participantes analizan as potencialidades para as aulas do uso de ferramentas de visualización e análise de sistemas de información xeográfica (GIT).
Nesta andaina a prol das novas vocacións e do fomento do espírito científico-tecnolóxico, o CESGA desenvolveu dúas ferramentas multilingües (incluirán galego e castelán). Trátase, primeiro, dunha aplicación para o seu uso en teléfonos móbiles ou tabletas (dispoñíbel para Android e iOS) a partir do cal alumnos e profesores poden recoller información (fotos, vídeos, datos textuais, e outros indicadores climáticos a través de sensores ou xeolocalización) da súa contorna natural. O recurso compleméntase cun xeoportal web para amosar na aula os devanditos datos recollidos. Este espazo en liña, explica o CESGA, é quen de filtrar a información por criterios diferentes e realizar diferentes análises (por sorte, países, fenómeno tempo para observar, etc.).
Segundo recorda o centro galego, nos vindeiros meses os mestres europeos participantes no programa terán a oportunidade de probar a fondo as ferramentas e propoñer optimizacións sobre o seu uso e posibilidades, amais de desenvolver propostas educativas para traballar co alumnado, de acordo co seu currículo e contexto.
Na primavera, lembra o CESGA nun plano máis concreto, estas propostas e ferramentas serán experimentadas polos estudantes. Estes, por certo, poderán facer cousas como recoller e avaliar información sobre as especies animais e vexetais na súa contorna e contrastala cos seus compañeiros europeos (en virtude da capa social que se lles achega a través dos devanditos recursos informáticos, permitíndolles interactuar coas observacións dos restantes participantes).
En Galicia son catro escolas as que participan nesta primeira fase: o CPI plurilingüe O Cruce. Cerceda (que tamén é socio do proxecto europeo e coordinador das actividades educativas), o IES plurilingüe Rosalía de Castro de Santiago de Compostela, o CEP plurilingüe de Ventin (Ames) e o CPI Poeta Uxío Novoneyra de Seoane do Courel. A idea do CESGA é ampliar máis adiante o número de centros, limitado nesta primeira fase piloto. Por outra banda, para esta fase posterior está previsto o desenvolvemento, tamén a cargo do Centro de Supercomputación de Galicia, dun espazo en liña de aprendizaxe aberto para compartir e difundir propostas educativas e as ferramentas GIT creadas para todas as escolas interesadas.

PUBLICIDADE