O CESGA traballa nun proxecto para favorecer entre a mocidade o estudo dos fenómenos naturais
venres, 8 de xaneiro do 2016
Entre
as iniciativas nas
que traballa arestora o Centro de Supercomputación de Galicia
(CESGA) atópase o Proxecto PhenoloGIT, unha achega europea de
investigación dirixida a materializar e avaliar un acubillo de
información sen cancelas para afianzar nas escolas o estudo
científico da súa contorna. Máis en detalle, PhenoloGIT fornece
apoio a unha Infraestrutura de Datos Espaciais (IDE) baseada en
código aberto e estándares europeos INSPIRE que permita consolidar
en Primaria e Secundaria a observación e investigación dos
distintos fenómenos naturais, “así como a análise e o emprego de
datos e estratexias de investigación sobre os mesmos nas aulas”,
sinala o CESGA.
Segundo lembra o centro
galego, a fenoloxía é unha disciplina que estuda os fenómenos
biolóxicos que se presentan de maneira periódica axustados a ritmos
estacionais e que teñen relación co clima (definición da axencia
estatal AEMET). Facendo memoria, recordar que o rexistro das
observacións sistemáticas destes fenómenos cíclicos comeza no
século XVIII e presenta unha chea de aplicacións, por exemplo, en
agronomía, ciencias naturais, saúde, loxística e, tamén, no
seguimento dos efectos do cambio climático. Porén, cumpría a
aplicación de recursos que evitasen ou minimizasen os esforzos
despregados para o desenvolvemento dos rexistros manuais. Así,
sinala o CESGA, a aparición e espallamento dos teléfonos móbiles e
tabletas con GPS e cámara, unido á posibilidade de conectarlles
sensores e outros complementos de medición, abarataron e
simplificaron os procedementos.
Por certo que o centro
galego é o principal socio tecnolóxico e impulsor da proposta
PhenoloGIT, contribuíndo neste proxecto desde dúas das súas áreas,
a de sistemas de información xeográfica e a de e-learning
(aprendizaxe a distancia). O proxecto é coordinado pola Universidade
de Plymouth (Gran Bretaña), e participa como socio tamén por parte
galega, o CPI O Cruce de Cerceda. A universidade danesa VIA, así
como o Centro de Tecnoloxías para a Aprendizaxe do Goberno lituano,
completan o consorcio europeo. A proposta ten unha duración de 3
anos e está enmarcada na Convocatoria Erasmus da Comisión Europea.
Durante o ano vindeiro, o
CESGA desenvolverá as ferramentas a utilizar, tanto aplicacións
móbiles como todos os compoñentes do xeoportal onde se poderá
realizar a visualización de datos. Para iso, explican
dende o Centro de Supercomputación de Galicia, tirarase proveito de
tecnoloxías abertas e estándares europeos “que garantan a
posibilidade de utilización de recursos externos”. Por exemplo,
capas de información proporcionadas polas axencias nacionais e
autonómicas. Tamén se busca que as TIC sen cancelas faciliten o
acceso aos datos de observación xerados polo propio proxecto a
investigadores e axencias interesadas.