O CESGA multiplica por cinco a capacidade dos seus servidores de datos

mércores, 29 de novembro do 2017 Redacción

As capacidades e a potencialidade de resposta do Centro de Supercomputación de Galicia (CESGA) vanse ver reforzadas coa entrada do novo ano. Máis polo miúdo, o centro afrontará a súa nova andaina con “azos” renovados en materia de traballo con grandes volumes de datos. O motivo? Pois a inclusión dun novo servidor de 1,54 millóns de xigabytes. Esta incorporación, aplicada pola Consellería de Economía, Emprego e Industria, permitirá (entre outras cousas) multiplicar por cinco a capacidade dos seus servidores de datos. En palabras do departamento da Xunta que dirixe Francisco Conde, o novo sistema tamén “aporta velocidade de acceso e flexibilidade na xestión da información”.
Máis en detalle, a tecnoloxía incorporada foi especialmente deseñada para facilitar un acceso inmediato á información almacenada, multiplicando por cinco a capacidade bruta do CESGA e, en concreto, a dos seus servidores de almacenamento de datos, ao dispor da comunidade científica e tecnolóxica usuaria do centro.
O novo equipamento, co-financiado con fondos FEDER (Fondo Europeo de Desenvolvemento Rexional), foi adquirido á multinacional tecnolóxica Fujitsu e producido polos actuais líderes mundiais en almacenamento de datos, NetApp, e supuxo un investimento de 500.000 euros.
O equipo atópase neste momento na fase final de configuración e probas e entrará a prestar servizo para a comunidade usuaria a principios do vindeiro mes de decembro. Neste sentido, permitirá a investigadores de institucións e empresas explotar de maneira máis eficiente os inxentes conxuntos de datos cos que traballan, xa que poderán acceder, procesar, manexar, explorar, ou comparar maiores cantidades de datos a grande velocidade. Para facernos unha idea da importancia destas novidades, só ao longo deste ano CESGA rexistrou máis de 50 grupos de usuarios traballando de maneira intensiva con grandes volumes de datos.
Entre as entidades que se beneficiarán deste sistema atopamos á Fundación Pública Galega de Medicina Xenómica, dependente do SERGAS e dirixida por Ángel Carracedo, que precisa ampliar as súas capacidades de traballo con datos para dar resposta ás crecentes demandas impostas polos avances en medicina personalizada.
O servizo de predición meteorolóxica galego, MeteoGalicia, ou o servizo europeo de predicións de estado do mar, Copernicus, liderado en España por Puertos del Estado, tamén se atopan entre as entidades que demandan capacidade para poder incrementar a resolución dos seus modelos e poder así mellorar a fiabilidade das súas predicións.
Investigadores galegos que participan na redacción dos informes do Panel Intergubernamental de Cambio Climático, como Juan Añel da Universidade de Vigo, precisan igualmente manexar con axilidade maiores conxuntos de datos para testar e interrogar axeitadamente os modelos cos que traballan.
Pequenas empresas que medran a gran ritmo e que traballan na punta de lanza da innovación en Galicia, como a coruñesa Health in Code, especializada en prover servizos de xenética médica, tamén demandan un acceso flexíbel a recursos especiais para seren quen de responder a picos de traballo.
Por outra banda, os centros do Instituto Español de Oceanografía (IEO) en Galicia contan con grupos de investigación que fan uso de complexos modelos oceanográficos nos que incorporan parámetros físicos e bioxeoquímicos para determinar o estado e predicir as dinámicas dos recursos mariños.
A maiores, grupos adicados a seguridade alimentaria e a mellora xenética animal e forestal do Instituto Nacional de Tecnoloxía Agraria e Alimentaria (INIA) esperan dispor de servizos como os que fornecerá o CESGA con esta infraestrutura para acelerar a súa produción de resultados.
De igual xeito, as novidades tecnolóxicas introducidas darán azos a proxectos de centros tecnolóxicos e de empresas da contorna de tres clústeres en Galicia; o Clúster Tecnolóxico Empresarial de Ciencias da Vida (Bioga), o Clúster Audiovisual Galego (CLAG), e o Clúster TIC Galicia.
O CESGA
O Centro de Supercomputación de Galicia (CESGA) depende da Axencia Galega de Innovación (GAIN) da Consellería de Economía, Emprego e Industria da Xunta e do Consello Superior de Investigacións Científicas (CSIC). É un organismo cunha traxectoria de 24 anos. O seu obxecto é investigar, fomentar, difundir e prestar servizos de cálculo intensivo, almacenamento e comunicacións avanzadas ás comunidades investigadoras galega e do CSIC, así como a empresas e institucións. Como nodo da Rede Española de Supercomputación, o Centro é recoñecido como Infraestrutura Científico Técnica Singular do Estado.

PUBLICIDADE