O CESGA prepara a XIII edición do Día das Rapazas nas TIC para o 24 de abril
martes, 11 de marzo do 2025
Hai quince anos, alá polo 2010, xurdía o Día Internacional das Rapazas nas TIC (International Girls in ICT Day), unha celebración a nivel internacional, encamiñada a motivar ás novas xeracións de mozas para que consideren o eido das TIC para o seu desenvolvemento académico, investigador e profesional. Este ano 2025 o Día Internacional das Rapazas nas TIC festexarase o 24 de abril e dende o 2013 o Centro de Supercomputación de Galicia (CESGA) celébrao cunha variada oferta de actividades.
Nesta XIII edición o CESGA propón para a mañá do 24 de abril un coloquio mediante multiconferencia web no que participarán 4 profesionais galegas que traballan acotío coas tecnoloxías, e que compartirán a súa traxectoria, no que traballan, e o que a tecnoloxía pode achegar en diversos ámbitos para mellorar a nosa vida. Dende os centros escolares de primaria e secundaria, as rapazas e rapaces poderán enviar as súas preguntas e inquedanzas en directo para manter un diálogo directo con elas.
E as relatoras do coloquio deste XIII Día das Rapazas nas TIC 2025 do CESGA serán:
- Marta Losada Estévez, graduada en Física pola USC e compañeira do CESGA. Está formándose no eido da Computación Cuántica co seu TFG e no Máster en Ciencia e Tecnoloxías da Información Cuántica da USC. Arestora forma parte dun grupo que está a desenvolver un simulador de computación cuántica distribuída.
- Yolanda Blanco Fernández, doutora en Enxeñería de Telecomunicación e profesora titular no Departamento de Enxeñaría Telemática da Universidade de Vigo (UVigo). Traballa como investigadora en atlanTTic (Centro de Tecnoloxías de Telecomunicación da UVigo) onde ocupou a subdirección ata asumir o seu actual cargo como directora da Área de Dixitalización desta universidade. A súa actividade investigadora inclúe sistemas de personalización e recomendación (técnicas de modelado de usuarios e estratexias de filtrado), Web Semántica, desenvolvemento de servizos e aplicacións para redes móbiles ad-hoc e, no eido da Intelixencia Artificial, está centrada no emprego de modelos de Deep Learning baseados en arquitecturas Transformer para o procesado de linguaxe natural en diferentes dominios de aplicación.
- Nadezhda Lucía Techera Salvador, estudante do grao en Enxeñería Aeroespacial na UVigo e forma parte do departamento de Aerodinámica na asociación UVigo Motorsport, o único equipo galego na Fórmula Student, unha competición automobilística entre estudantes de universidades de todo o mundo que promove a excelencia na enxeñaría a través dun concurso de automóbiles onde cada equipo universitario deseña e constrúe un vehículo monopraza co que se compite.
- Alejandra Lugilde (Simbeli en RRSS), é enxeñeira informática de 29 anos especializada en Intelixencia Artificial, graduada pola Universidade Politécnica de Madrid en 2017. Conta cunha ampla experiencia no desenvolvemento de software, arquitectura de solucións e liderado de proxectos tecnolóxicos, salientando na modernización de plataformas na nube e na optimización de equipos técnicos. Na actualidade, desempeña dous roles clave: como Global GSC Practice Lead, dirixe no seu departamento a nivel global a estratexia e mellora dos procesos de traballo dos equipos, impulsando a eficiencia e a resolución de desafíos técnicos e organizativos; e como Technical Architect, lidera proxectos cloud de gran complexidade. Fóra do ámbito tecnolóxico, Alejandra tamén é coñecida en redes sociais como Simbeli_, onde suma máis de 3 millóns de seguidores e seguidoras en TikTok, Instagram e YouTube.
De falarmos da axenda deste evento, cómpre dicir que aínda está por determinar pero dende Código Cero iremos dando conta de todas as novidades.
En canto á información e actividades deste XIII Día das Rapazas nas TIC do CESGA, pódese seguir e difundir a través da web do CESGA en: Facebook, Twitter e Youtube.
Para inscribir a calquera centro/aula de primaria ou secundaria neste coloquio, cómpre cumprimentar o formulario habilitado.
Para rematar sinalar que detrás da organización deste Día das Rapazas TIC se atopa: o Centro de Supercomputación de Galicia-CESGA (dependente de GAIN e CSIC), A Secretaría Xeral de Igualdade da Xunta de Galicia, O Colexio Profesional de Enxeñaría Informática (CPEIG) e a colaboración do CITIUS (Centro Singular de Investigación en Tecnoloxías Intelixentes).
Engadir, a xeito de colaboradoras e colaboradores: á Xunta de Galicia: (Consellería de Educación, Ciencia, Universidades e FP e a AMTEGA); á Asociación de Mulleres Investigadoras e Tecnólogas, sección Galicia (AMIT-Gal); á Asociación .GAL; á USC (Facultade de Ciencias da Educación, Woman Emprende e Oficina de Igualdade); á Facultade de Informática da UDC; á Escola de Enxeñaría de Telecomunicación da UVigo e aos Colectivos Hello Sisters! e GalsTech.
