O CESGA reduce o consumo de enerxía nun 30%

mércores, 3 de outubro do 2012 Redacción

O Centro de Supercomputación de Galicia vén de facer reconto do acadado no seu seo en materia de capacidade, rendibilidade, eficacia e respecto polo medio ambiente. Así, ao abeiro do seu Plan de Eficiencia e Consumo Enerxética, posto en marcha en 2010, conseguiu a estas alturas aforrar ata 135.000 euros grazas a un gasto de enerxía un 30% menor. Isto, sinalan fontes do centro galego, foi posible grazas á integración dunha serie de medidas de optimización que permitiron, de xeito complementario, que a capacidade de cálculo medrara nun 40%.
Entre estas iniciativas postas en marcha no seo do CESGA cómpre salientar a inclusión da eficiencia enerxética como “valor ponderable nos procesos de adquisición de equipos, a renovación de infraestruturas críticas por outras máis eficientes dende o punto de vista enerxético e a optimización do uso de tecnoloxías de arrefriado do centro de procesamento de datos e de recuperación de calor”, informan fontes do centro.
Coa posta en marcha do plan, trocáronse os ventiladores do centro de procesamento de datos por uns novos de velocidade variable que requiren un consumo cinco veces menor e organizouse a execución de labores de computación en función dos requirimentos enerxéticos de cada un, en relación co custo do quilovatio, que varía dependendo do mes e mesmo da hora do día.
A optimización da execución de traballos é moi importante”, incide o CESGA, “pois a demanda de cálculo dos usuarios tende a ser superior á capacidade de computación dispoñible, orixinándose como consecuencia colas de espera de traballos”.
Asemade e afondando na liña das vantaxes achegadas, dicir que a xestión eficiente dos recursos requiridos por cada traballo reduce o tempo de espera e, en casos, permite o apagado temporal dalgúns servidores, co consecuente aforro de consumo de enerxía e redución de emisións contaminantes.
Polo que respecta a vindeiras iniciativas no camiño da eficacia e o sostible, o CESGA está desenvolver proxectos de investigación que afectan aos procesadores, por exemplo. Máis polo miúdo, pártese do feito de que os procesadores modernos achegan datos detallados sobre como se están a usar, cantas veces se cargan datos desde a memoria, ou o número de operacións que se están a facer e de que tipo. “O CESGA”, engádese, “busca como usar a información estatística achegada polo procesador para optimizar o acceso á memoria RAM, reordenando a forma na que se almacenan os datos para incrementar a eficiencia no acceso a eles”.
No traballo desenvolvido ata hoxe comprobouse que se pode mellorar a eficiencia na execución de programas ata un 30%, implementando melloras: desde o punto de vista de eficiencia enerxética, déixase de perder a enerxía nos percorridos polos circuítos, e a propia redución no tempo de cálculo supón unha redución directa do consumo enerxético.