O CINAE quere previr lumes e pragas de invasoras coa información subministrada polos drons

mércores, 21 de xuño do 2017 Fernando Sarasketa

Aguado, Mato, Silva e Castro, no Pazo Provincial da Deputación de Pontevedra

Os drons comezan a ser xa, puidémolo ver na dramática vaga de lumes que asola estes días a Portugal, instrumentos de uso moi eficaces para analizar a devastación xerada polos incendios forestais (que se destruíu, cales foron as causas, como actuar en datas vindeiras para evitar este tipo de situacións). Pero, e se tamén lles tiráramos partido para previlos ou para controlar que haxa menos especies invasoras das que hai? Cara a este punto de loita directa queren dirixirse as investigadoras e investigadores do CINAE (Centro de Innovación Aeroespacial de Galicia), que anunciaron que van desenvolver “unha tecnoloxía que permita traducir as imaxes captadas por vehículos aéreos non tripulados en información coa que traballar na detección e no seguimento de especies invasoras, así como na detección de posibles factores de risco de lumes forestais”. O proxecto vai ser posible grazas a un convenio asinado onte coa Deputación de Pontevedra.
Segundo fai saber a Universidade de Vigo, da que depende o CINAE, a iniciativa terá unha duración de dous anos e contempla o investimento de 170.000 euros. Participaron na formalización do acordo reitor da Universidade de Vigo e presidente do padroado do CINAE, Salustiano Mato, a presidenta da institución provincial, Carmela Silva,o director xeral do CINAE, Antonio Castro; o director técnico da Fundación CINAE, o profesor Fernando Aguado, e o responsable da súa Área de Sistemas non Tripulados, o investigador da Universidade Higinio González. Segundo fixeron saber, amais dos ditos obxectivos, o convenio permitirá cousas como “comezar a facer un inventario” das forestas con maior grao de combustibilidade e así “poder actuar dunha forma máis efectiva”.
Tal e como explicou González, trátase dun “proxecto piloto que, a través dos vehículos aéreos non tripulados, realizará unha serie de campañas sobre unhas zonas da xeografía de Pontevedra, seleccionadas de acordo cos técnicos da Deputación”. Nelas, sinalou, “realizarase o traballo de campo dun proxecto que ten como eixo a xeorreferenciación e procesado das imaxes obtidas polos drons, co propósito de que dea como resultado unha información que o usuario poida entender”, como por exemplo, “o número de hectáreas afectadas por unha determinada planta e como este vai mudando ao longo do tempo”.
O obxectivo final, apuntou, e desenvolver “metodoloxías de traballo aplicables a outras áreas do territorio durante períodos de tempo máis grandes”, a través da automatización dese procesado da información recollida nas imaxes e aproveitando recursos como a alta resolución espacial dos datos que pode obterse a través dos sistemas aéreos non tripulados.
O convenio asinado abrangue tanto o desenvolvemento destas tecnoloxías de procesado de datos, como poñer a disposición dos técnicos da Deputación das imaxes obtidas, así como colaborar en accións mitigadoras dos efectos dos lumes forestais, ao igual que o desenvolvemento de actividades divulgativas destas tecnoloxías.