O CINBIO promove a visibilidade das mulleres científicas galegas na Wikipedia

luns, 13 de outubro do 2025 S. P.

Sobre a base das carencias da Wikipedia en materia de xénero, con menos do 25% das biografías publicadas correspondendo a mulleres (unha fenda de xénero que se acentúa especialmente no ámbito científico) celebrouse na UVigo a sexta edición da xornada Falemos de Ciencia en Igualdade, organizada polo Centro de Investigación en Nanomateriais e Biomedicina (CINBIO) e celebrada o pasado venres 10 de outubro no espazo INCUVI do Campus de Vigo.
A iniciativa enmárcase nas axudas promovidas pola Unidade de Igualdade da Universidade de Vigo destinadas a apoiar accións que fomenten a sensibilización en materia de xénero e a transmisión de valores igualitarios no ámbito académico. Diana Valverde, subdirectora do CINBIO, foi a encargada de dar a benvida ás persoas asistentes, resaltando o compromiso do centro coa comunicación e divulgación científica inclusiva, desde unha perspectiva de xénero. Agradeceu tamén o apoio da Unidade de Igualdade da Universidade, promotora das axudas que fixeron posible o evento, e representada neste acto por Mar Fernández, técnica superior da mesma.
Pola súa banda, Belén Rubio, vicerreitora de Investigación da Universidade de Vigo, felicitou ao CINBIO por esta iniciativa e subliñou que a xornada supón “unha importante ferramenta para reflexionar sobre as medidas para alcanzar un dereito fundamental como é a igualdade”.
Tres relatorios, un obradoiro e un coloquio
A xornada comezou coa intervención de Emma Torres, decana e profesora titular da Facultade de Comunicación do Campus de Pontevedra, da Universidade de Vigo, co relatorio Mulleres comunicando ciencia. A situación da comunicación e a divulgación científica dende a perspectiva da xénero. Na súa exposición abordou “os puntos de fuga de xénero que se producen do laboratorio ao titular, lembrando que menos do 40% das informacións científicas citan a mulleres como fonte”.
A continuación, Isabel Zapico, membro de Wikiesfera, explicou no seu relatorio A visibilidade das mulleres STEM en Wikipedia, que a Wikipedia, un dos sitios web máis visitados, presenta unha marcada desigualdade: menos do 25% das biografías publicadas corresponden a mulleres, sendo a presenza das científicas aínda menor.
Xunto a Sabela Cebro, integrante de WikiMorada, impartiu o obradoiro Primeiras recomendacións para editar na Wikipedia, no que as persoas asistentes puideron coñecer os primeiros pasos para contribuír a esta plataforma.
Ademais, Maite Sobrino, de WikiEditoras Lx, explicou o traballo do colectivo portugués, centrado en aumentar a diversidade das narrativas na Wikipedia e incrementar o contido relativo a mulleres cis, persoas trans e non binarias, co obxectivo de promover unha representación máis inclusiva.
Lucas Vázquez, investigador e membro do Comité de RRI, Igualdade e non Discriminación do CINBIO, presentou o proxecto Máis científicas galegas na Wikipedia, unha iniciativa deste centro de investigación que nace coa intención de visibilizar o labor das mulleres científicas galegas mediante a creación e actualización de biografías na enciclopedia libre, contribuíndo así a reducir a fenda de xénero neste espazo dixital.
A xornada rematou cun coloquio no que as tres relatoras analizaron a percepción social da ciencia e as accións prácticas que promoven a igualdade. “No diálogo final, as preto de 30 persoas asistentes participaron activamente, intercambiando opinións e reflexións coas relatoras nun ambiente distendido e enriquecedor”, sinalan desde a organización da actividade.