O CITEEC celebra o 11F cunha visita guiada e unha xornada contra a fenda de xénero STEM
luns, 12 de febreiro do 2024
No marco da celebración do Día Internacional do Día Internacional das Mulleres e as Nenas na Ciencia deste 11 de febreiro, o Centro de Innovación Tecnolóxica en Edificación e Enxeñería Civil (CITEEC) da Universidade da Coruña organiza esta semana dous eventos cos que fomentar as vocacións STEM entre as mozas da nosa terra e reivindicar as contribucións femininas aos ámbitos científico e tecnolóxico.
No primeiro dos eventos, previsto para este xoves día 15 a partir das 12:30 horas, o CITEEC convida ao colectivo de Mulleres STEM polo Ben Común, promovido pola Asociación Enxeñería Sen Fronteiras, e a un grupo de estudantes de STEMBach, o Bacharelato de Excelencia en Ciencias e Tecnoloxía, a unha visita ao centro de investigación e un posterior encontro de confraternización, para que coñezan de primeira man os proxectos e actividades que se están a levar a cabo.
Ao día seguinte, 16 de febreiro, o CITEEC celebra unha nova xornada dos seus InterLabs, encontros nos que varias persoas, nas etapas iniciais da súa carreira investigadora, expoñen brevemente o seu traballo en diferentes eidos relacionados coas áreas extratéxicas da axenda científica do centro, fomentando así o coñecemento entre os diferentes grupos e o xurdimento de posíbeis liñas de investigación interdisciplinares. O evento dará comezo ás 12:00 horas na sala de visualización e contará coa docente Virginia Mato Abad como madriña, que ofrecerá un relatorio baixo o título Abordando a brecha de xénero nas carreiras tecnolóxicas.
Virginia Mato é profesora da Facultade de Enxeñaría Informática da UDC, investigadora do Grupo Laboratorio de Enxeñaría do Software (ISLA) e directora da Cátedra Aldaba WIB (mulleres, TIC e empresa), creada no 2019 pola empresa ALDABA, a Universidade da Coruña e a Universidade de Vigo.
A continuación celebrarase unha quenda de presentación de proxectos por parte de diversas estudantes, doutorandas e postdoutorandas adscritas ao CITEEC, as cales exporán de xeito breve os proxectos nos que están traballando e darán resposta ás inquedanzas do público asistente.
As investigadoras participantes son:
• Blanca Fernández Amado, estudante de proxecto técnico no Grupo de Métodos Numéricos da Enxeñaría (GMNI)
• Angélica Goya Heredia, doutoranda en Enxeñaría Civil do Grupo de Enxeñaría da Auga e do Medio Ambiente (GEAMA)
• Noelia Fernández Rodríguez, doutoranda en Enxeñaría Civil no Grupo de Métodos Numéricos da Enxeñaría (GMNI)
• Lucía Valeiro Mata, doutoranda en Enxeñaría Covil no Grupo de Ferrocarrís e Transportes (Ferrotrans)
Este último evento ten carácter gratuíto e conta con acceso libre ata completar aforo.