O CITIC acolle este sábado a xornada Oracle4Girls

venres, 24 de maio do 2019 Fernando Sarasketa

O Centro de Investigación TIC (CITIC) da Universidade da Coruña acolle este sábado 25 de maio na súa sede do Campus de Elviña un evento para impulsar as carreiras tecnolóxicas femininas: a xornada Oracle4Girls. Na cita participarán máis de 100 nenas e adolescentes con idades comprendidas entre os 5 e os 17 anos. Haberá obradoiros de robótica, programación e tecnoloxía. O obxectivo da xornada, como dixemos, é aumentar a presenza feminina nas carreiras STEM (Science, Technology, Engineering and Mathematics).
Esta iniciativa, posta en marcha por Oracle, incluirá tamén charlas dirixidas a pais e nais. A primeira charla, baixo o título O futuro da tecnoloxía, celebrarase ás 10.00 horas e será impartida por Laura M. Castro, coordinadora do Grao de Enxeñaría Informática da UDC e investigadora do CITIC. A segunda charla, Navega con Rumbo, será ás 12.00 horas e será impartida por Pilar Vila do CPEIG. As persoas interesadas en asistir ao evento poden formalizar a súa inscrición na web do evento.
O programa Oracle4Girls xa se levou a cabo en outras cidades como Madrid, Barcelona, Bilbao, Valencia, Sevilla, Málaga e Xixón, acadando unha participación de máis de 800 nenas en total.

PUBLICIDADE