O CITIC acolle este venres a presentación do proxecto europeo 3-i ICT

xoves, 24 de marzo do 2022 S. P.

O Centro de Investigación TIC (CITIC) da Universidade da Coruña acolle este venres 25 de marzo, a partir das 12.30 horas, un máis que relevante acontecemento tecnolóxico na nosa terra. Trátase da xornada de presentación do proxecto europeo 3-i ICT (International, Interdisciplinary and Intersectoral Information and Communications Technology PhD Programme), programa de captación de talento predoutoral excelente que constitúe o primeiro das súas características concedido a unha institución galega dentro da convocatoria europea MSCA-COFUND. O proxecto 3-i ICT está co-financiado pola Consellería de Cultura e Educación.
No evento presentarase o proxecto e o seu alcance; terá unha duración de cinco anos e permitirá a captación a nivel internacional de oito investigadores/as para que desenvolvan as súas teses de doutoramento no CITIC. O programa pretende fortalecer os eidos estratéxicos nos que se está a emprazar o CITIC: biomedicina, industria 4.0, procesamento da linguaxe natural e sostibilidade.
A cita contará coa presenza do xefe do servizo de Planificación e Estruturación da Investigación da Consellería de Cultura, Educación e Universidade da Xunta de Galicia, Faustino Infante Roura; o vicerreitor de Política Científica, Investigación e Transferencia da UDC, Salvador Naya Fernández; a vicerreitora de Estudantes, Participación e Empregabilidade da UDC, María José Lombardía Cortiña; e o director do CITIC, Manuel F. González Penedo.

PUBLICIDADE