O CITIC da UDC colaborará na semana do eclipse solar

mércores, 29 de abril do 2026 S. P.

O Centro de Investigación TIC (CITIC) da Universidade da Coruña vai colaborar no programa galego de actividades preparado para conmemorar o eclipse solar do mes de agosto. En concreto, o CITIC do Campus de Elviña acollerá a Third Solar MHD Conference, unha cita centrada na física solar cun enfoque práctico.
A axenda da MHD Conference é especializada, cubrindo temas avanzados como as observacións de eclipses e coronais, o uso da aprendizaxe máquina (machine learning) e a análise da información masiva (Big Data) en física solar, así como modelos de plasma multifluido. Celebrarase do 10 ao 14 de agosto, coincidindo co fenómeno da eclipse.
Nestas mesas datas o Paraninfo da UDC converterase na sede dun encontro internacional de cosmoloxía, New Frontiers in Cosmology, organizado polo Centro de Física Cosmolóxica de Berkeley (Universidade de Berkeley, California), a Fundación Simons e a Universidade da Coruña. Durante esa semana daranse cita na Reitoría máis de 300 investigadores de primeira orde procedentes de países de todo o mundo. Esta conferencia servirá de plataforma para debater como as novas técnicas, especialmente na análise de datos mediante intelixencia artificial, poden levar a nosa comprensión cara a novos horizontes.
Un programa divulgativo para coñecer máis o noso ceo
En materia de divulgación, desde a Unidade de Divulgación Científica da UDC estanse a poñer en marcha varias iniciativas para ofrecer ao público non especializado diferentes claves que permitan entender mellor este fenómeno, así como recomendacións para ter unha boa visualización e desfrutar da experiencia con seguridade.
A primeira delas desenvolverase esta semana, coincidindo co feito de que de o día 30 de abril a posición do Sol será practicamente a mesma que a prevista para o próximo 12 de agosto, co que será unha boa ocasión para testar os mellores puntos de visión. Neste caso trátase dunha actividade dirixida á comunidade universitaria que se fará no Planetario da Escola Técnica Superior de Náutica e Máquinas. Así, o día 29 esta instalación acollerá a sesión Navegando polas estrelas, a cargo de Alsira Salgado e Ángel Arós.
Será unha sesión que combinará a posta en valor o planetario como recurso científico e didáctico e a súa utilidade para comprender o ceo e a astronomía vinculada á navegación con explicacións científicas vencelladas ao eclipse do 12 de agosto incluíndo as claves para a unha boa observación e as medidas de seguridade que se deberán adoptar para facelo de modo axeitado e responsable.
Xa por último, Xabier Pérez Couto (@astroxabi), investigador predoutoral no CITIC, membro do Laboratorio Interdisciplinar de Aplicacións da Intelixencia Artificial (LIA2) e participante no proxecto Smart Data para unha análise multicolor da Vía Láctea en Gaia, será o encargado do obradoiro Cando a Lúa apaga o Sol: a gran eclipse de 2026 na Coruña que se celebrará no mes de xuño no MUNCYT.
O obradoiro combinará unha explicación divulgativa sobre a eclipse, en que se analizarán os intereses científicos asociados a este fenómeno, con orientacións para a súa observación segura.