O CITIC da UDC será a sede do Congreso Español de Informática en 2024

xoves, 7 de maio do 2020 Sonia Pena

O Centro de Investigación TIC (CITIC) da Universidade da Coruña é a sede elixida pola Sociedade Científica Informática de España (SCIE) para a celebración do Congreso Español de Informática (CEDI) en 2024. A SCIE realizou unha chamada á presentación de candidaturas para a busca de sedes do CEDI 2024, valorando aspectos como a dispoñibilidade de infraestruturas na cidade e a experiencia do equipo na organización de congresos científicos.
Deste xeito, a organización do congreso artellarase a través do CITIC, comandada polos investigadores de destacada traxectoria Amparo Alonso Betanzos, Bertha Guijarro Berdiñas, Ramón Doallo Biempica, Juan Touriño Domínguez, Nieves Rodríguez Brisaboa e Miguel Rodríguez Luaces, e reforzada polo apoio do director do CITIC, Manuel F. González Penedo, e a directora do Campus Innova da UDC, Susana Ladra, que exercerán tamén como enlace con ambas entidades. O congreso contará coa colaboración de Turismo da Coruña e o Colexio Profesional de Enxeñaría Informática de Galicia (CPEIG).
A de 2024 será a VII edición do CEDI, que se celebra cada edición nunha cidade española diferente, e que pretende servir como punto de encontro para profesionais da investigación, innovación e ensino universitario do ámbito da Enxeñaría Informática, e fomentar as relacións e intercambios entre os distintos países iberoamericanos no eido da informática.

PUBLICIDADE