O CITIC, na Rede Nacional sobre Intelixencia Artificial en Biomedicina

martes, 18 de febreiro do 2020 Redacción

O Centro de Investigación CITIC integrouse formalmente na Rede Nacional sobre Intelixencia Artificial en Biomedicina (IABiomednet), a través dun grupo de investigadoras e investigadores da área de Intelixencia Artificial representados por Bertha Guijarro, que se integran na dita rede xunto con outra ducia de colectivos científico-tecnolóxicos. En xaneiro celebrouse unha xuntanza para a posta en marcha da rede, que tivo lugar no Centro de Tecnoloxía Biomédica da Universidade Politécnica de Madrid.
Durante a xornada debateuse sobre liñas de actuación para consolidar a IA no ámbito biomédico (o ámbito específico no que se insire o grupo do CITIC) a nivel nacional e definíronse estratexias para estreitar as colaboracións entre os diferentes grupos de investigación que integran a rede IABiomed-net. Tamén se puxo o foco nun dos obxectivos fundamentais desta iniciativa: dar respostas ás demandas da cidadanía acerca dos grandes retos sociais que implica a implantación da IA no ámbito biomédico.
A rede, financiada polo Ministerio de Ciencia, Innovación e Universidades, ten nas súas bases o compromiso de actuar como axente integrador e inclusivo de todos os grupos españois de I+D+I punteiros na aplicación de tecnoloxías de Intelixencia Artificial (incluíndo a Aprendizaxe Automática e o Procesamento da Linguaxe Natural) á resolución de problemas no ámbito biomédico.

PUBLICIDADE