O CITIC participa nun proxecto europeo para favorecer a educación inclusiva na universidade

venres, 8 de marzo do 2024 S. P.

Thais Pousada, profesora da área de Terapia Ocupacional e investigadora do Centro de Investigación en Tecnoloxías da Información e as Comunicacións (CITIC) da UDC, participa no proxecto Design2Freedom: promoting Person-Centered Design for people with disability in higher education (en galego, Promoción do deseño centrado na persoa con discapacidade na educación superior). O programa está liderado pola Confederación Española de Persoas con Discapacidade Física e Orgánica (COCEMFE) e o seu obxectivo principal é favorecer a incorporación práctica do concepto de Deseño Centrado na Persoa na creación de produtos tecnolóxicos para colectivos con diversidades funcionais na educación universitaria.
Para o devandito obxectivo o proxecto aposta pola experimentación e a avaliación do uso de metodoloxías participativas e inclusivas para a aprendizaxe con profesores e estudantes de diferentes ámbitos.
Esta iniciativa, financiada pola Comisión Europea a través do programa Erasmus+, desenvolverase ata o ano 2026. No consorcio participan a Universidade da Coruña (España), Vilniaus Kolegija (Lituania), CREADE (Bélxica) e Technicka Univerzita v Kosiciach (Eslovaquia), que acaban de reunirse no seu primeiro encontro transnacional en Lituania.
Durante a reunión, que tivo lugar os días 29 de febreiro e 1 de marzo, identificáronse os conceptos clave do proxecto, tales como o modelo social da discapacidade, a accesibilidade universal, as tecnoloxías de apoio, o deseño centrado na persoa e as metodoloxías participativas e inclusivas que se aplicarán. “Este encontro”, informou o CITIC, “serviu como punto de partida para unificar datas, fitos, resultados e directrices do proxecto”.
O equipo do CITIC da UDC que participa neste proxecto está formado por Thais Pousada, Betania Groba, Laura Nieto, Mª del Carmen Miranda e Patricia Concheiro, docentes da Área de Terapia Ocupacional; Manuel Lagos, estudante de doutoramento e investigador contratado; Javier Pereira, subdirector do CITIC e docente da Área de medicina Física; xunto co director do CITIC, Manuel González Penedo, profesor da Área de Ciencia da Computación e Enxeñaría Artificial. Será no propio CITIC onde se desenvolverá o Inclusive Design Lab no vindeiro mes de novembro, que involucrará a toda a comunidade universitaria, xunto cos partners europeos.

PUBLICIDADE