O CITIC presentou sete proxectos á convocatoria galega de I+D para loitar contra o COVID-19

martes, 7 de abril do 2020 S. P.

O Centro de Investigación TIC (CITIC) da Universidade da Coruña está a mostrar unha importante actividade en materia de propostas e talento investigador para mitigar ou, directamente, combater as consecuencias da pandemia de COVID-19 e a crise sanitaria que a acompaña. No caso da chamada lanzada pola Axencia Galega de Innovación (GAIN) para identificar todas as capacidades do Sistema Galego de Innovación con vistas a loitar contra o coronavirus (co obxectivo de recoller contribucións tanto de empresas como de centros de coñecemento e de investigación), o CITIC presentou un total de sete proxectos.
Dos sete proxectos, seis pasaron á seguinte fase. As contribucións do CITIC son de temática tanto puramente tecnolóxica como proxectos nos que a tecnoloxía está aplicada ao ámbito biolóxico. Ademais, amais desta media ducia de iniciativas lideradas polo CITIC, noutras tres investigacións presentadas por outras entidades existe participación de persoal investigador do centro.
Dende antes mesmo do Estado do Alarma, o Centro de Investigación TIC puxo a disposición da sociedade as súas capacidades tecnolóxicas e intelectuais “para a procura de solucións na crise sanitaria producida polo COVID-19”. Ao abeiro deste compromiso, todos os equipos de traballo do centro uníronse para ofrecer a súa experiencia ás autoridades a través de diferentes chamadas públicas de propostas.

PUBLICIDADE