O CITMAga premia as mellores preguntas matemáticas da rapazada galega en YouTube

venres, 8 de novembro do 2024 S. P.

O concurso #CuestióndeMates do CITMAga premiou este venres 8 de novembro as mellores preguntas sobre as matemáticas realizadas pola rapazada galega a través de vídeos nas redes sociais. O obxectivo do certame foi “achegar as matemáticas á poboación moza dun xeito sinxelo e divertido”. Os galardóns entregáronse nun acto celebrado na Domus, na Coruña.
Esta iniciativa do CITMAga (Centro de Investigación e Tecnoloxía Matemática de Galicia) abeirouse ao proxecto Consultorio VídeoMatemático, coordinado pola catedrática de Xeometría e Topoloxía da Universidade de Santiago Mª Elena Vázquez Abal. Trátase dun proxecto audiovisual que conta coa colaboración da Fundación Española para la Ciencia y la Tecnología – Ministerio de Ciencia, Innovación y Universidades, dos Museos Científicos Coruñeses e das tres universidades galegas. A proposta, que comezou hai aproximadamente un ano, vai dirixida á sociedade en xeral para que a xente envíe, mediante un vídeo, as súas preguntas, dúbidas e inquedanzas sobre as matemáticas a través das redes sociais. A partir de aí, o equipo do centro responde ás mesmas tamén cun vídeo feito nunha linguaxe divulgativa e próxima á cidadanía.
“Cando facemos vídeos de divulgación científica, a temática é escollida polas investigadoras e investigadores que os elaboran, pero neste proxecto a protagonista é a mocidade, eles e elas son as que deciden sobre que falar”, explicou Miguel Brozos, matemático da Universidade da Coruña e presidente da Comisión de Divulgación Científica do CITMAga.
Ao longo deste ano, as persoas participantes foron subindo os seus vídeos ás redes ou enviáronos directamente ao centro. Tanto os vídeos das preguntas como os de resposta elaborados polos expertos e expertas do centro poden verse na canle de YouTube do CITMAga. As pezas coas mellores cuestións, destacadas pola súa orixinalidade e/ou interese matemático, seleccionáronse para participar no Concurso #CuestióndeMates.
As mellores preguntas sobre as matemáticas
No transcurso do acto proxectáronse os vídeos gañadores. O premio na categoría de maiores de 18 anos con máis likes en Instagram e en YouTube foi para Chisco, estudante de Matemáticas que quere saber que é o grupo fundamental e que aplicacións ten na vida real, cuestión pola que recibiu un iPhone 5.
Na categoría de menores de idade, a pregunta mellor valorada polo público foi a de Inés Castro. A rapaza ten a curiosidade de coñecer quen inventou primeiro os números e logo as matemáticas. Foi galardoada cuns auriculares.
O xurado premiou como mellor pregunta matemática na categoría de maiores de 18 anos a de Karina, de La Casa Curiosa. Desexa saber se na vida microscópica, nos microorganismos, tamén podemos atopar algún tipo de patrón xeométrico ou matemático tal como apreciamos no noso día a día na natureza como as pólas das árbores ou as bifurcacións dos ríos. Pola súa parte, no grupo de menores de idade, o xurado elixiu a pregunta de Neutrino, que quere entender mellor a dificultade do problema dos tres corpos.
A pregunta máis artística e creativa na categoría de maiores de idade foi a de Ana, que é microbióloga e formulou como se fai para calcular cantas bacterias temos no noso corpo e se é verdade que temos máis bacterias que células. Na do grupo de menores de idade gañou a de Seth Marval, que ten a dúbida de se viaxamos nunha nave espacial á velocidade da luz e camiñamos no seu interior, iríamos ou non a máis de 300.000 quilómetros por segundo.
Entre os agasallos que recibiron as persoas galardoadas están un pack de totebag, caderno e funda para portátil; un lote de libros; un lote de produtos tecnolóxicos; calculadoras; ademais de diferentes xogos matemáticos.
Tamén enviaron as súas preguntas a este proxecto persoeiros coñecidos da nosa comunidade como os presentadores Xosé Ramón Gayoso e Paco Lodeiro, o físico Jorge Mira, a actriz Iria Sobrado, o divulgador Manuel Vicente, o xornalista da TVG Carlos Amado ou o actor César Goldi, entre outros.
No acto de entrega de premios participaron a directora científica do CITMAga, Rosa Crujeiras; a técnica de Desenvolvemento dos Museos Científicos Coruñeses Bibiana García; e Yolanda Golías, coordinadora da Unidade de Divulgación Científica e Cultural da Universidade da Coruña.
Ao evento asistiu alumnado do IES Eusebio da Guarda da Coruña. Tamén acudiron, ademais dos gañadores e gañadoras, algúns outros participantes no concurso e os diferentes colaboradores nesta iniciativa. Os investigadores do CITMAga Andrés Prieto, da Universidade da Coruña, e Ana Rodríguez, da Universidade de Santiago, ofreceron unha charla divulgativa para a rapazada asistente titulada Por que falar de música cando podemos falar de mates?, na que achegaron a relación entre as matemáticas e os sons, e mesmo empregaron baldosas para crear música dun xeito inesperado.