O CLAG, o Cluster TIC e EGANET xuntan forzas para buscar vieiros de negocio conxunto

luns, 21 de maio do 2012 Fernando Sarasketa

Tres plataformas empresariais galegas veñen de unir forzas para abrir novos vieiros de colaboración e de negocio conxunto. Estamos a falar do Cluster Audiovisual de Galicia (CLAG), o Cluster TIC e máis EGANET, que como primeira vía de contacto organizan o vindeiro 31 de maio unha Xornada de Networking en Santiago de Compostela. A cita, que suporá a participación das empresas adscritas ás devanditas organizacións, suporá en boa medida a primeira pedra dun edificio colaborativo que se prevé amplo.
A xornada será presentada polos presidentes do Cluster TIC Galicia, Gerardo Crespo, do CLAG, Andrés Barbé, e de EGANET, Víctor López. A continuación os presidentes do CLAG e do Cluster TIC asinarán un convenio de colaboración, tras o cal se dará paso ao evento de networking.
Os integrantes das tres organizacións participantes na xornada manterán entre eles encontros cara a cara. Un sistema de rotación garantirá que, ao cabo da xornada, cada un dos membros dunha organización teña mantido reunións con todos os membros das outras dúas organizacións.
Cada participante disporá de fichas de información sobre os demais, coas que poderá preparar os encontros bis a bis. Os interesados en participar na xornada poden solicitar información a través do correo electrónico ou teléfono das entidades organizadoras: info@clusterticgalicia.com 981 569 893 / proxectos@clag.es 981 941 792 / info@eganet.org 981 530 352.
A continuación, damos conta do programa da actividade, por punto por punto, que se vai celebrar no Hotel Os Abetos, emprazado no barrio de San Lázaro en Santiago.
9:30h. Recepción dos participantes
9:45h Presentación da xornada polos presidentes das tres entidades
10:00h Sinatura do convenio de colaboración entre Cluster TIC e CLAG
10:15h. Primeira rolda de encontros bis a bis
12:15h. Café
12:45h. Segunda rolda de encontros bis a bis
14:45h. Almorzo