O CNTG incrementa as horas de formación nun 32% no presente curso

martes, 30 de setembro do 2025 S. P.

O conselleiro de Emprego, Comercio e Emigración, José González, a directora xeral de Formación e Cualificación para o Emprego, Zeltia Lado, e polo director do Centro de Novas Tecnoloxías de Galicia (CNTG), Carlos Vázquez, participaron no acto de presentación da oferta formativa que se impartirá neste centro durante o presente curso 2025-2026 e que ten como obxectivo “dar resposta á alta demanda de talento especializado" nun sector que cualificou como "estratéxico”.
O conselleiro destacou que o esforzo orzamentario no CNTG elevouse dos 2,1 aos 2,7 millóns de euros para posibilitar unha programación que se incrementa ata os 141 cursos con 2.706 prazas. Unha suba que no caso das horas formativas acada mesmo o 31,5 % de aumento: 7.578 horas, fronte ás 5.760 do curso 2024-2025.
Segundo resaltou González, “a oferta formativa foi deseñada tendo en conta a análise e demanda do propio sector TIC galego, priorizando así as propostas en ciberseguridade, desenvolvemento, servizos na nube, ciencia de datos, Intelixencia Artificial, xestión avanzada de proxectos TI ou xestión avanzada de sistemas”. Son, comentou, “unhas propostas dirixidas tanto a persoas traballadoras que desexan reciclarse como a desempregadas con interese en incorporarse a este eido económico en constante evolución”.
Esta programación, segundo destacou, “vén precedida do éxito da anterior, cando se acadaron os 6.660 candidatos, isto é, case tres candidatos para cada unha das preto de 2.300 prazas ofertadas”. Engadiu que a valoración do alumnado sobre a calidade dos cursos, dos docentes e da organización do centro situouse nun 9,07 sobre 10.
Na súa intervención, González enmarcou a oferta do CNTG “na aposta firme da Xunta por profundar neste tipo de contidos co gallo de mellorar as oportunidades profesionais, como tamén o fai o acordo asinado con Microsoft para formar en IA nun ano ata 45.000 mozas e mozos menores de 35 anos”.