O COETG-AETG convocan o Premio Gradiant e o Gerardo García Campos 2012

martes, 31 de xullo do 2012 Raquel Noya

No marco da XVII Noite Galega das Telecomunicacións de Galicia, que se celebrará o vindeiro venres, 26 de outubro no Gran Hotel de A Toxa, a AETG vai entregar o Premio Gradiant á Mellor Tese Doutoral Aplicada no sector das Tecnoloxías da Información e a Comunicación (TIC) e o Premio Gerardo García Campos 2012 á mellor iniciativa empresarial no mesmo sector, para o que conta coa colaboración do Centro Tecnolóxico Gradiant e a Fundación Ingeniero Gerardo García Campos, respectivamente.
O obxectivo tanto de Gradiant (Centro Tecnolóxico das Telecomunicacións de Galicia) como da AETG no tocante ao primeiro galardón, é recoñecer a mellor tese doutoral aplicada no sector das TIC, promovendo a realización de investigacións como vehículo de xeración de coñecemento e fomentando a excelencia daqueles investigadores das universidades galegas que teñan completada a súa tese doutoral nun eido aplicable ao sector TIC.
A este premio, dotado con 2.000 euros, poderán concorrer aquelas persoas que teñan defendido a súa tese nalgunha das tres universidades galegas durante os anos 2008, 2009, 2010, 2011 e 2012 e que teñan relación directa coas áreas da transferencia tecnolóxica (patentes, licencias) e/ou orientación ao negocio.
Pola súa banda, o Colexio Oficial de Enxeñeiros de Telecomunicación de Galicia (COETG) convoca nesta ocasión a X edición do Premio Gerardo García Campos 2012 á mellor iniciativa empresarial no sector tecnolóxico galego, un galardón que ten como obxectivo recoñecer un proxecto empresarial emerxente no ámbito das TIC que sexa de utilidade para a sociedade galega.
A este premio, que conta cunha dotación económica de 6.000 euros, poderán concorrer todas as pequenas e medianas empresas (PEME) privadas españolas relacionadas co sector das TIC, que leven constituídas menos de cinco anos na data da convocatoria.
Por ser a Fundación Ingeniero Gerardo García Campos de interese galego, os proxectos que se presenten deberán estar vinculados á comunidade galega, tendo que cumprir, a lo menos, algún dos seguintes requisitos: que os socios fundadores sexan galegos; que a sede social estea en Galicia ou que o proxecto empresarial repercuta de maneira directa en beneficio da nosa comunidade.
Segundo informan dende a organización, “para a concesión do galardón, valorarase especialmente a viabilidade do proxecto a medio e longo prazo”.
O prazo para a recepción de candidaturas remata o vindeiro 21 de setembro ás 14:00 horas.

Foto de familia dos premiados e premiadas na pasada Noite Galega das Telecomunicacións, no 2011

PUBLICIDADE