O Colexio Profesional de Enxeñaría en Informática de Galicia (CPEIG) vén de abrir o prazo de inscrición para participar no seu curso Drupal 7 Avanzado, do que se ofertan un total de 25 prazas. A actividade, informa o CPEIG, diríxese sobre todo a desenvolvedores con coñecementos básicos sobre o dito xestor de contidos de software libre, desenvolvedores que requiran integrar e aplicar proxectos web complexos con este servizo, “xa sexa para terceiros ou para emprender cunha idea de negocio propia”.
Esta achega formativa, cunha duración de 20 horas presenciais, convócase co obxectivo primordial de permitir que os nosos profesionais que conten con coñecementos básicos sobre desenvolvemento web, posicionamento e emprego de ferramentas dixitais, estean en disposición de dar forma a tendes de comercio electrónico e redes sociais botando man de Drupal, “así como realizar tarefas de optimización do rendemento de portais baseados na dita ferramenta libre”.
Ao abeiro deste curso, cada semana realizaranse as sesións formativas presenciais acompañadas con exercicios e prácticas, ao que cómpre engadir a elaboración dun dossier formativo con actividades adicionais “para que este curso sirva de punto de inicio no desenvolvemento de sistemas web complexos en Drupal”, informa o CPEIG. Por certo que a metodoloxía elixida para estas sesións formativas é unha metodoloxía “totalmente práctica”, onde o alumno sexa quen, xa dende os primeiros chanzos do curso, de crear un portal a través dos exercicios propostos.
O curso será impartido por Diego Meixeiro Calvo, consultor especialista no dito paquete aberto de ferramentas e servizos. O docente forma parte do equipo de desenvolvemento web da empresa Sdweb Solucións Dixitais, segundo informa o CPEIG “unha das primeiras empresas en España especializada en implantar Drupal en grandes organizacións como a Xunta de Galicia (AMTEGA), Universidade de Barcelona, Universidade de Santiago de Compostela, etc”. E engade: “Diego posúe unha dilatada experiencia na implantación de portais Drupal a nivel nacional e autonómico, e un amplo coñecemento da comunidade desta ferramenta, aspectos fundamentais para limitar a curva de aprendizaxe nela e aproveitar todas as súas funcionalidades”. Participou en proxectos para clientes de renome a nivel empresarial e institucional como por exemplo Inditex, Grupo Anaya, Universidade de Barcelona, Universidade de Santiago de Compostela, Novagalicia Banco e Xunta de Galicia.
O curso, por certo, impartirase os días 21, 22, 28 e 29 de marzo en horario de 16.00 a 21.00 horas (os días 21 e 28) e de 9.00 a 14.00 horas os días 22 e 29. Celebrarase na cidade da Coruña.
O CPEIG abre o prazo de inscrición para o seu curso avanzado sobre Drupal 7
Compartir Este Artigo
