O CPEIG achega ao seu apoio ao obradoiro Novicrea 4.0 de Celanova, Verea e Bande

xoves, 21 de setembro do 2017 Redacción

O Colexio Profesional de Enxeñaría en Informática de Galicia (CPEIG) vén de anunciar que vai colaborar cos Concellos de Celanova, Verea e Bande e máis coa Consellería de Economía, Emprego e Industria, para a posta en marcha e desenvolvemento dunha actividade formativa directamente encamiñada a impulsar a inserción laboral da comarca ourensá. Estamos a falar do obradoiro de emprego Novicrea 4.0 novos vieiros de emprego, impulsado de xeito conxunto polos devanditos Concellos ourensáns para materializalo ao longo dos meses vindeiros (entre este mes de setembro e maio de 2018).
Esta actividade, na que participarán uns vinte desempregadas/os da bisbarra, está coordinada por Antonio Piñeiro, cuxo obxectivo (e do seu equipo) é fornecer dun obradoiro de emprego que, amais de ser un obradoiro, sexa un espazo de exploración para proxectos formativos de futuro, proxectos relacionados directamente coas TIC.
Segundo informa o CPEIG, o seu labor centrarase en dar apoio tecnolóxico e formativo ao proceso de selección de persoal (directivo, docente, alumnado-traballadores) do obradoiro de emprego. Esta colaboración inscríbese na liña de traballo deseñada polo CPEIG de apoio a todas aquelas entidades e organizacións que requiran do asesoramento externo do ente colexial que representa os profesionais da enxeñaría en informática.

PUBLICIDADE