O CPEIG amosa o seu fondo pesar polo pasamento do enxeñeiro informático Hernán Vila Pérez

martes, 27 de maio do 2025 S. P.

1ª Xunta de Goberno do CPEIG (Hernan Vila, segundo pola esqueda na fila do fondo)

O Colexio Profesional de Enxeñaría en Informática de Galicia (CPEIG) emitiu un comunicado no que lamenta profundamente o pasamento do enxeñeiro informático Hernán Vila Pérez (O Carballiño, 3 de abril de 1972 – 23 de maio de 2025), ao que o colexio cualifica de “profesional impecable e, sobre todo, unha persoa fondamente querida”.
O CPEIG lembra que Hernán Vila foi o primeiro vicepresidente do Colexio, onde contribuíu desde os seus inicios a construír unha entidade forte, útil e comprometida coa profesión. “Hernán foi sempre un home discreto, leal, deses que non precisan grandes xestos para deixar unha pegada profunda. Amaba o seu traballo, pero tamén sabía gozar da vida: viaxar era unha das súas grandes paixóns. Quen o coñecemos de preto sabemos que detrás do seu carácter reservado había unha gran xenerosidade, un compañeirismo constante e un sentido do deber que nunca precisou alardes. Marchou como viviu: con discreción, con humildade, sen ruído, fiel ata o final á súa maneira de estar no mundo. E aínda que a súa marcha nos enche de tristura, tamén nos deixa o consolo de termos compartido camiño con alguén que sempre soubo estar, e ser, na vida”, sinala o presidente do CPEIG, Fernando Suárez.
Desde o CPEIG envían todo o seu cariño e apoio á familia, amizades e compañeiros de Hernán Vila, unha persoa que sempre será lembrada con respecto e gratitude.