O CPEIG anímanos a asumir a importancia da seguridade na Rede con motivo do Día da Protección de Datos

luns, 27 de xaneiro do 2014 Redacción

Este martes 28, por se alguén non o sabía, celébrase unha cuestión de importancia fundamental para o desenvolvemento da Sociedade do Coñecemento. Unha cuestión vital para apuntalar e asegurar o dereito a accedermos a ese coñecemento ao mesmo tempo que se garante que cada quen, internauta, institución ou empresa, poida decidir plenamente sobre que facer coa súa información persoal. Falamos do Día da Protección de Datos, unha celebración que na nosa terra está a ser divulgada en boa medida polo Colexio Profesional de Enxeñaría en Informática de Galicia (CPEIG). A idea do colexio é achegar unha serie de recomendación e suxestións e, mediante elas, lembrar a importancia de facer e construír unha Rede máis segura.
O CPEIG, ao fío do devandito, considera do máximo interese que a sociedade galega tome conciencia da necesidade de incorporarse á cultura da protección de datos. Baixo esa premisa, o ente colexial elaborou un conxunto de recomendacións que fai públicas para contribuír “á construción dunha Sociedade da Información na que a cidadanía debe ser consciente de todas as oportunidades e dos riscos que lles ofrece a Internet”.
A continuación damos conta desta listaxe de suxestións.
• Antivirus. Cómpre actualizar decote o software antivirus e de seguridade. Tamén é preciso configurar o software do navegador coas opcións de seguridade máis restritivas.
• Executables. É preferible non descargar programas executables ou ficheiros que sexan susceptibles de conter software malicioso. Debemos protexer o equipo con programas devasa e de detección e eliminación de software espía.
• Identificadores. O intercambio e a entrega de datos de carácter persoal e bancarios debe efectuarse nos sitios web que dispoñan de protocolos seguros e de política de privacidade. Nunca debemos fornecer información información sobre os nosos identificadores de usuario e moito menos sobre as nosas claves de acceso. É recomendable que sexamos rigorosos en avisos de sorteos, ofertas telefónicas ou promocións comerciais de calquera tipo.
• Contrasinais. Debemos manter, a ser posible, contrasinais distintos para cada web ou servizo que sexan longos de abondo e difíciles de adiviñar. É recomendable non usar o PIN dunha tarxeta de crédito, nin a data de nacemento, nin palabras do dicionario ou diminutivos. Conveñen palabras nas que se combinen maiúsculas, minúsculas, números e outros caracteres especiais permitidos que sexan doados de lembrar para o usuario pero difíciles de adiviñar para un terceiro.
• Wi-Fi. Particular atención ás redes sen fíos abertas. A información vai sen protección, logo é susceptible de ser interceptada e utilizada con fins non autorizados. Segundo apunta o CPEIG, é doado obter os datos de acceso da gran maioría das redes. Recoméndase usar os últimos protocolos dispoñibles cando sexa posible (WPA/WPA2).
• Buscadores. Debemos ter en conta que o uso dun buscador xera tratamentos de información, que serán empregados como mínimo para ofrecer anuncios personalizados. Convén coñecer as políticas de uso do buscador que máis empregue. Os buscadores poden permitir obter perfís completos sobre a nosa información pública en Internet.
Cookies. Borrar con regularidade as cookies e os arquivos temporais de Internet, así como o historial de navegación, especialmente cando se acceda a Internet dende un computador ao que teñan acceso outras persoas.
• Spam. No caso de recibirmos correos non desexados e correo lixo (spam), cómpre que non enviemos unha resposta, xa que estaremos confirmando a validez do noso enderezo electrónico. É conveniente desactivar a opción que envía un acuse de recibo ao remitente das mensaxes lidas do sistema de correo electrónico.
• Correo electrónico. Cando envíemos mensaxes de correo electrónico a diferentes destinatarios, cómpre empregar o campo Con Copia Oculta (CCO). No caso de envíos masivos debemos usar e listaxes de distribución.
• Redes sociais. Debemos garantir a seguridade da nosa información nas redes sociais mediante unha configuración axeitada do noso perfil e empregando contrasinais. É preciso non esquecer que os buscadores poden permitirlle a un terceiro obter a información pública dos perfís.
• Imaxe. A imaxe é un dato de carácter persoal cuxa difusión ou acceso non autorizado pode ser particularmente molesto ou daniño. Ao publicarmos unha foto ou escribir nun foro podemos estar incluíndo información sobre outras persoas. Debemos ser consciente de que temos que respectar os dereitos desas persoas.
• Cámaras web. Antes de instalar unha cámara web que reproduza imaxes na Internet, debemos asegurarnos de que a captación sexa o menos intrusiva posible. Así mesmo, debe garantirse a seguridade impedindo o acceso non autorizado a imaxes captadas por este tipo de cámaras.
• Nenez. Debemos educar as pequenos nun uso seguro das redes e acompañar os nenos e nenas na súa navegación. Cómpre adoptar medidas de seguridade física e informáticas para os nenos e nenas, como a situación do ordenador na casa ou unhas horas determinadas de uso.
O Día da Protección de Datos en Europa
O Día da Protección de Datos en Europa é unha xornada impulsada pola Comisión Europea, o Consello de Europa e as autoridades de protección de datos dos Estados membros da Unión Europea co obxectivo de difundir entre os cidadáns o coñecemento dos seus dereitos e responsabilidades sobre a protección de datos.