O CPEIG celebra o Día da Internet das Cousas poñendo o foco nunha xestión segura e eficiente das tecnoloxías IoT
luns, 6 de abril do 2026
O Colexio Profesional de Enxeñaría en Informática de Galicia (CPEIG) compartiu unha serie de indicacións dirixidas á cidadanía con motivo do Día Internacional da Internet das Cousas (IoT Day), que se conmemora este xoves, 9 de abril, dirixidas a “fomentar a comprensión e debater o papel da IoT na contorna empresarial e na vida cotiá”.
O CPEIG explica que “a Internet das Cousas é un proceso que permite conectar elementos físicos cotiás á rede, á vez que estes dispositivos se conectan coa nube e intercambian información entre si”. Dada a velocidade de cambio e de innovación tecnolóxica coa que se vive actualmente nun contexto global, o Colexio analiza os niveis de automatización e programación da Internet das Cousas cos que se enfrontan actualmente usuarios e empresas, chegando mesmo a influír en cuestións técnicas, sociais e económicas.
O CPEIG sinala que o Internet das Cousas “deixou de ser unha tendencia tecnolóxica para converterse nunha infraestrutura crítica da que xa dependen servizos esenciais e sectores estratéxicos”. O presidente do CPEIG, Fernando Suárez, explica que cada dispositivo conectado amplía a capacidade, pero tamén a superficie de exposición, asegurando que sen seguridade a IoT é unha porta aberta. “O verdadeiro reto xa non é conectar obxectos, senón xestionar de forma responsable, segura e eficiente todo o que xa está conectado”, destaca.
Suárez tamén apunta que a converxencia entre IoT, a intelixencia artificial e a computación na nube está transformando a toma de decisións, sobre todo en sectores como a manufactura industrial, o transporte, as cidades intelixentes e a saúde que están experimentando cambios profundos nos seus modelos operativos.
Porén, Suárez engade que deben esixirse profesionais cualificados que garanten o seu uso ético e seguro. “Europa avanza cara un modelo de tecnoloxía máis segura e regulada, e é fundamental que as empresas e administracións galegas se adapten a este novo marco”, sinala, apuntando que o Colexio recoñece que os usuarios non están actualizados en canto aos riscos e teñen exposta a súa privacidade e información, polo que recomenda o asesoramento de expertos en ciberseguridade
O CPEIG explica que os dispositivos conectados da IoT conforman “un ecosistema complexo, composto por sensores, redes, estándares tecnolóxicos e normativos que integra a persoas, comunicacións e interfaces”. Neste punto, o Colexio sinala que “existen programas informáticos, as ameazas chamadas malware ou as secuencias de EXPLOIT, que atacan estes dispositivos para executar accións sen o consentimento do usuario, causando dano e roubo de datos”. Porén, engade o CPEIG, “existen outras ameazas como son a modificación de información, a reprodución de mensaxes, a caída da rede, fallos dos sistema ou do dispositivo, filtrado de datos, ou a modificación dos dispositivos, entre outras”. O CPEIG recomenda protexer o software, empregar prácticas contra vulnerabilidades e garantir a autenticidade e a integridade de parches futuros.
Ademais, a falta de educación en seguridade é outro dos desafíos da IOT segundo o CPEIG, xa que usuarios e empresas non están ben informados dos riscos e non toman as precaucións necesarias para protexer os seus sistemas e datos, deixando expostos os seus dispositivos a ataques e comprometendo a súa privacidade e a integridade da información. Así, o CPEIG recomenda recorrer a partners tecnolóxicos para un correcto asesoramento en ciberseguridade.
