O CPEIG concede o Premio Traxectoria Profesional a Olaia Vázquez
mércores, 15 de maio do 2024
O Premio Traxectoria Profesional da XVI Noite da Enxeñaría en Informática de Galicia 2024 que concede o Colexio Profesional de Enxeñaría en Informática de Galicia (CPEIG) xa ten gañadora, trátase da enxeñeira en informática Olaia Vázquez Sánchez.
Olaia Vázquez Sánchez (A Coruña, 1980) é enxeñeira en Informática pola Universidade da Coruña (UDC), é diplomada en Estatística en Ciencias da Saúde pola Universidad Autónoma de Barcelona, máster en Dirección de Empresas TIC pola Escola de Negocios Caixanova e High Impact Leadership Program polo IE University. Vinculada ao grupo de investigación do Laboratorio de Bases de Datos (LBD) da Universidade da Coruña. Formou parte da unidade de investigación, desenvolvemento e innovación en sistemas de información sanitarios na Fundación do Hospital da Coruña. Desde 2010, Olaia Vázquez forma parte do equipo de Tecnoloxía de Inditex, onde actualmente coordina a área de Datos Global dentro do Departamento de Datos.
Voltando ao premio, informar que Olaia Vázquez recibirá o galardón na XVI Noite da Enxeñaría en Informática de Galician, que se celebrará o 21 de xuño no Hotel OCA Puerta del Camino de Santiago. O evento é un punto de encontro entre as colexiadas e colexiados do CPEIG e un gran
número de empresas e profesionais TIC de Galicia, é unha gala onde o Colexio profesional pretende amosar a sociedade o traballo desenvolto por enxeñeiras e enxeñeiros en informática dentro da sociedade da información e as iniciativas relacionadas co eido das TIC.
O presidente do CPEIG, Fernando Suárez, sinala que este recoñecemento a Olaia Vázquez é, sen dúbida, unha “merecida homenaxe á súa sobresaínte carreira” no campo da Enxeñaría en Informática. “Olaia Vázquez demostrou un compromiso excepcional coa excelencia e a innovación durante máis de dúas décadas de servizo no sector tecnolóxico. O seu papel actual, como responsábel de datos en Inditex, salienta a súa capacidade para liderar e transformar a estratexia empresarial mediante a optimización e o aproveitamento de datos. Ademais do seu indubidábel talento profesional, é coñecida pola súa proximidade e simpatía, calidades que a fan especialmente valorada por colegas e amigos” –argumentou o presidente–. Esta distinción, asegura Suárez, non só reflicte a súa dedicación e habilidade profesional, senón que tamén subliña “a importancia da representación feminina en roles tecnolóxicos e de liderado, inspirando así a futuras xeracións de enxeñeiras”.