O CPEIG conmemora o Día de Internet facilitando a dixitalización progresiva e segura dos maiores

luns, 9 de maio do 2022 S. P.

O Colexio Profesional de Enxeñaría en Informática de Galicia (CPEIG) únese á efeméride do Día Mundial da Sociedade da Información (Día de Internet). Celebrarase o vindeiro martes 17 de maio dedicado neste 2022 a Internet e as tecnoloxías dixitais para as persoas maiores e o envellecemento saudábel. Con motivo desta data sinalada, o colexio achega unha serie de recomendacións especialmente dirixidas ao dito colectivo.
O presidente do CPEIG, Fernando Suárez, explica que as persoas maiores constitúen un segmento moi heteroxéneo e cada vez máis numeroso en Europa. En concreto, apunta que en España o 20% da poboación, nove millóns e medio de persoas, son maiores, e en Galicia mesmo se supera esta porcentaxe. Nesta tesitura, Suárez considera que “o uso das tecnoloxías dixitais no colectivo das persoas maiores é xa un elemento transversal e vertebrador, cada vez máis relevante para a súa vida diaria que os axuda a estar presentes e ser partícipes na sociedade, a exercer os seus dereitos, a evitar a aparición da soidade non desexada e a envellecer de forma máis saudábel”. Na súa opinión, “a plena inclusión dos nosos maiores esixe establecer medidas e recursos sociais destinados a dar respostas enfocadas no respecto pleno á súa dignidade, dereitos, intereses e preferencias contando coa súa participación efectiva”.
Porén, Suárez sinala que “a situación actual é ben distinta”, cun proceso de “transformación dixital acelerada” onde hai dispositivos, servizos e tecnoloxías que non están adaptadas ao colectivo de maiores, impedindo que poidan facer uso de servizos ou mesmo reivindicar os seus dereitos en igualdade de condicións que o resto. “Se queremos aproveitar o potencial destes avances maximizando a súa potencia democratizadora debemos promover, incentivar e defender que os dispositivos, produtos, aplicacións e servizos tecnolóxicos sexan accesíbeis para todas as persoas, con especial atención a Internet, para que manteña o seu deseño universal e sen barreiras para calquera tipo de persoa maior e que lles proporcione as mesmas facilidades que ao resto da poboación. Só unha perspectiva integradora e global contribuirá a que todos os cidadáns poidamos aproveitar a informática para garantir o desenvolvemento persoal, a mellora da vida diaria, así como un envellecemento máis enriquecedor”, advirte.
O CPEIG levará a cabo este ano accións destinadas a potenciar a importancia do talento e a experiencia sénior para darlles cabida na sociedade, buscando fórmulas, a través da informática, para que as persoas maiores poidan seguir achegando talento e experiencia. “Situar ás persoas maiores no centro do desenvolvemento tecnolóxico faranos mellores como sociedade”, engade Fernando Suárez.
Reto #CaminaenDigital
Unha destas actividades para potenciar o uso das tecnoloxías entre as persoas maiores é #CaminaenDigital, acción enmarcada no Día de Internet 2022. As actividades desta iniciativa están promovidas pola asociación Somos Digital, coordinadas pola Axencia para a Modernización Tecnolóxica de Galicia da Xunta de Galicia a través da súa Rede CeMIT e apoiadas polo CPEIG.
Estase a celebrar o Reto #CaminaenDigital, unha actividade colaborativa e lúdico-formativa na que 75 persoas maiores de 7 Centros de Competencias Dixitais de Galicia –aulas CeMIT: Fisterra, Vigo, Guitiriz, Ortigueira, Castrelo de Miño e Cuntis, e como centro colaborador de CeMIT a Federación Galega de Asociacións Universitarias Sénior (FEGAUS)– aprenden destrezas dixitais e actívanse fisicamente sumando pasos nas súas contornas para realizar o Camiño de Santiago de forma virtual e sumar os 764 quilómetros. Camiñan día a día polas súas proximidades, sacan fotos, gravan vídeos e rexistran e comparten estas experiencias a través da páxina web do proxecto, do espazo na rede social Facebook, na que as imaxes e vídeos con máis gústame levan premio, e do cancelo #CaminaenDigital. En total, están inscritos preto de 80 Centros de Competencias Dixitais de España.
Fernando Suárez recomenda ás persoas maiores ir “paso a paso” para avanzar no uso da tecnoloxía, sen ter medo e asumindo que vai ser un proceso de aprendizaxe lenta. “A pandemia puxo en evidencia que xa vivimos nunha sociedade tecnolóxica e que nos dous últimos anos produciuse unha aceleración da transformación dixital polo teletraballo, a educación a distancia, as compras electrónicas ou o afianzamento das plataformas de ocio dixital durante os confinamentos. Por iso, o obxectivo é usar as vantaxes desta economía intelixente e implantar accións inclusivas para non deixar a ningún colectivo poboacional á marxe”, sinala.
O reto finalizará o vindeiro 20 de maio cun Escape Room onde os centros porán a proba as súas competencias dixitais, a visualización de vídeos das persoas maiores contando as súas experiencias coa tecnoloxía, e un acto de entrega de premios aos participantes e centros gañadores.
Tamén dentro deste proxecto celebrarase o 30 de maio o seminario Viaxa e descobre novos mundos desde o dixital na Rede CeMIT de Galicia que impartirá o CPEIG.

PUBLICIDADE