O CPEIG distingue á Cátedra INDITEX-UDC de IA en Algoritmos Verdes
martes, 5 de maio do 2026

- Parque do equipo da Cátedra Inditex
O Colexio Profesional de Enxeñaría en Informática de Galicia (CPEIG) vai conceder o Premio Obxectivos de Desenvolvemento Sostible (ODS) á Cátedra INDITEX-UDC de IA en Algoritmos Verdes. O galardón será entregado no marco da XVIII Noite da Enxeñaría en Informática de Galicia 2026 que se celebra en Santiago o vindeiro 12 de xuño.
A directora da Cátedra, Verónica Bolón, doutora en Informática con dezasete anos de experiencia no eido da IA e profesora de Ciencia da Computación e Intelixencia Artificial da Universidade da Coruña (UDC), ademais de investigadora do CITIC da UDC, explica que a Cátedra é “un exemplo de proxecto de colaboración público-privada para o desenvolvemento de actividades en investigación, formación, transferencia de coñecemento e difusión e divulgación no campo da Intelixencia Artificial e os algoritmos verdes co fin de contribuír ao desenvolvemento sostible e a protección do medio ambiente”. Este proxecto recibe financiamento do Ministerio de Transformación Digital y de la Función Pública do Goberno de España e do Grupo INDITEX.
Verónica Bolón indica que o desenvolvemento e despregamento da IA formula “unha serie de ameazas medioambientais, derivadas das necesidades que en materia de emprego de recursos de diversa índole (computacionais, enerxéticos ou hídricos) ten esta tecnoloxía”. E engade: “A IA Verde comprende o desenvolvemento de solucións de IA máis respectuosas co medio ambiente”. Tamén sinala que a IA Verde resulta eficaz empregando un menor volume de recursos, mediante un deseño máis eficiente que minore as súas necesidades e, consecuentemente, o seu impacto medioambiental. Verónica Bolón apunta que este enfoque, denominado Green-in-AI, contempla o desenvolvemento de algoritmos verdes, funcionalmente operativos e capaces, pero cun menor consumo no seu desenvolvemento e execución.
A enxeñeira en Informática salienta tamén o enfoque da Green-by-AI, do que tamén se ocupa a Cátedra, xa que a IA e as tecnoloxías de análise de datos teñen a capacidade de acelerar a análise de grandes volumes de datos, permitindo entender mellor os desafíos medioambientais e achegar solucións.
Do mesmo xeito, Verónica Bolón aclara que a IA ten o potencial de reducir o consumo de enerxía e recursos, promovendo a descarbonización e dando pulo á economía circular. “O desenvolvemento de ferramentas e aplicacións de IA orientados a xerar un impacto positivo nestes ámbitos tamén entra no ámbito da IA Verde”, argumenta.
A Cátedra leva en activo desde 2024, polo que xa está xerando un impacto na sociedade en diferentes ámbitos. Por exemplo, en investigación avanzada, reforza unha liña na que a Universidade da Coruña e o CITIC (Centro de Investigación de Tecnoloxías da Información e da Comunicación) presentaban unha traxectoria sólida e consolidada, producindo algoritmos de aplicación a diferentes sectores.
“Esta traxectoria sitúa a UDC como unha entidade de referencia nesta área de coñecemento, na que o extenso background en investigación da IA xa era referencial”, sinala.
Tamén Bolón destaca que a Cátedra ten desenvolvido un completo programa formativo nesta temática, mediante o deseño e organización dun curso de Experto en IA Verde e varias microcredenciais que permitirán unha capacitación ou actualización profesional rápida de estudantes e profesionais do sector TIC.
Ademais, lembra que a Cátedra ofrece o seu coñecemento e servizos aos sectores público e privado, contribuíndo á mellora da produtividade e competitividade empresarial en ámbitos de tanto interese como a dixitalización e a sustentabilidade; así como promover o desenvolvemento de aplicacións específicas e propiciar a incorporación dos seus resultados á solución de problemas reais en diferentes sectores.

- Simposio en IA Verde da Cátedra organizado o pasado mes de novembro no CITIC da UDC
A maiores, a súa directora explica que a través da Cátedra desenvólvense proxectos de ciencia cidadá sobre usos e percepción da IA e as súas implicacións medioambientais e grao de adopción. Así, a Cátedra ten unha intensa axenda de difusión, con ciclos de conferencias con figuras relevantes da academia e a industria nos que se desenvolven casos de deseño, aplicación e uso; e divulgación, coa participación en feiras temáticas para espallar a ciencia e a investigación na sociedade, contribuíndo á creación de vocacións, sinaladamente no ámbito das nenas e mulleres.
En canto aos proxectos da Cátedra, Bolón destaca varios como a organización do Iº Simposio en IA Verde, que se celebrou o pasado mes de novembro no CITIC da Coruña, onde se reuniron actores moi relevantes do ámbito científico e empresarial. Tamén foi relevante a participación da Cátedra no Grupo de Traballo que ten elaborado a Especificación UNE 0086:2025 sobre a medición do consumo enerxético, pegada de carbono, consumo de auga e rendemento de sistemas de Intelixencia Artificial. Outros proxectos relevantes nos que participou a Cátedra foron o piloto de aplicación de IA a eficiencia enerxética en edificios; aplicacións de IA de eficiencia en visualización por computador; colaboracións con universidades internacionais; aplicacións de IA Verde para a prestación de servizos públicos; ou a elaboración dun Libro Branco da IA Verde.
Excelencia científica do equipo de investigación da Cátedra
A Cátedra conta para o desenvolvemento da súa actividade cun equipo de investigación experto, de recoñecida excelencia científica, e caracterizado polo seu carácter multidisciplinar e paritario. O equipo acumula máis de 1 300 publicacións científicas (o 38,65 % en publicacións), preto de 15 000 citas e máis de 21 millóns de euros de financiamento competitivo captado (autonómico, nacional e internacional) en 78 proxectos como investigadores principais e de máis de 50 millóns de euros en 121 proxectos nos últimos 10 anos.
O equipo de investigación está integrado por figuras referenciais nas respectivas áreas de coñecemento e liñas de investigación presentes na Cátedra, que obtiveron importante recoñecemento a nivel global. Así, entre as persoas que integran o equipo hai beneficiarios de axudas ERC, Premios Nacionais de Investigación, Premios Nacionais de Informática, Premios ADA Byron, Asesoras da Axencia Europea de Medio Ambiente, etc.
Como dixemos, Verónica Bolón recollerá o galardón na gala da XVIII Noite da Enxeñaría en Informática de Galicia que se celebrará o 12 de xuño no Hotel OCA Porta do Camiño de Santiago. O evento é un punto de encontro entre as colexiadas e colexiados do CPEIG e un gran número de empresas e profesionais TIC de Galicia, que conta cunha destacada participación de cargos empresariais, institucionais e políticos.
