O CPEIG divulgará o pensamento computacional entre a comuniade educativa

mércores, 26 de novembro do 2014 Redacción

O conselleiro de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria, Xesús Vázquez Abad, e o presidente do Colexio Profesional de Enxeñaría Informática de Galicia (CPEIG), Fernando Suárez, asinaron hoxe un convenio de colaboración para a posta en marcha da iniciativa Programación nas Escolas, iniciativa pioneira que se enmarca no proxecto Abalar. No acto de sinatura tamén estiveron presentes o director xeral de Educación, FP e Innovación, Manuel Corredoira, e o subdirector xeral de Ordenación e Innovación Educativa e Formación do Profesorado, Manuel Vila.
Esta iniciativa ten como principal obxectivo ensinar aos escolares, dunha maneira proactiva e lúdica, a programar, introducíndoos ao pensamento computacional. Trátase de ofrecerlle aos alumnos e alumnas de primaria as ferramentas necesarias para comprender que son e como funcionan os ordenadores e os programas e aplicacións informáticas que rexen o día a día. Deste xeito, poderán entender moito mellor a realidade na que se moven ao tempo que se fomentan as súas capacidades creativas na medida en que poden crear as súas propias aplicacións interactivas como animacións, videoxogos ou simulacións, entre outros.
Así mesmo, a iniciativa tamén contempla a formación de profesores e de pais e nais, para que incorporen a programación a aspectos como a creatividade e a resolución de problemas. E dicir, facelos partícipes, a través da programación, da mellora das competencias en ciencias e tecnoloxía, así como das competencias comunicativas, artísticas e dixitais do seu alumnado.
A Programación nas Escolas está dirixida ao conxunto da comunidade escolar dos centros Abalar, e ven de complementar outros proxectos postos en marcha tamén en colaboración co Colexio de Informática como o ‘Navega con rumbo’.
O CPEIG encargarase de levar a cabo unhas xornadas divulgativas que abranguen toda a comunidade educativa, é dicir, alumnos, profesores, e pais e nais. Segundo se establece no convenio, realizaranse un total de 10 xornadas entre outros tantos centros escolares seleccionados. Pola súa banda, a Consellería de Cultura e Educación, ademais de coordinar as xornadas, a través do espazoAbalar porá a disposición da comunidade educativa os contidos dixitais axeitados para reforzar dito programa.

PUBLICIDADE