O CPEIG e AMTEGA entregan este venres os premios Argallando.gal do programa Tech Kids

xoves, 23 de outubro do 2025 S. P.

O Colexio Profesional de Enxeñaría en Informática de Galicia (CPEIG) e a Axencia para a Modernización Tecnolóxica de Galicia da Xunta (AMTEGA) celebran este venres 24 de outubro a entrega dos premios da iniciativa Argallando.gal, enmarcada no programa Tech Kids, co obxecto de poñer en práctica o talento dixital da rapazada e a súa capacidade de resolución de problemas ao tempo que desenvolven competencias persoais a través dunha contorna colaborativa.
O acto celebrarase ás 17.00 horas no centro Gaiás Tech da Cidade da Cultura. Farán entrega dos premios o presidente do CPEIG, Fernando Suárez Lorenzo, e o director de Área de Sociedade Dixital da Axencia para a Modernización Tecnolóxica de Galicia, Miguel Rodríguez Quelle. Ao acto tamén asistirán os responsables e formadores do equipo de Argallando.gal, así como os estudantes premiados e os seus acompañantes.
Argallando.gal é unha iniciativa promovida polo CPEIG e a Axencia para a Modernización Tecnolóxica de Galicia que desafía ao alumnado galego, a partir dos doce anos, a participar nun programa para argallar proxectos nos que a cultura, a tradición ou as lendas se fusionen coa tecnoloxía, a innovación e a creatividade (deseño e impresión 3D, programación, robótica educativa, drons, etc.).
O programa inclúe accións formativas e obradoiros nos espazos da rede CeMIT, conta coa participación interxeracional (pais, avós, profesorado, etc.) e conclúe coa presentación dos proxectos. As iniciativas máis destacadas en diferentes categorías, desde Xigante Argalleiro ata E-trasnada, reciben unha mención e recibirán diversos premios no evento deste venres.
Con este espírito, Argallando.gal busca “non só desenvolver competencias tecnolóxicas e dixitais, senón tamén fomentar o traballo en equipo, a curiosidade, a experimentación e a posta en valor da cultura galega dende unha perspectiva innovadora, subliñando especialmente o seu carácter interxeracional”.