O CPEIG e AMTEGA organizan un debate sobre a optimización dos Fondos Next Generation

martes, 20 de xullo do 2021 Pedro Pérez

JPEG - 101.5 KB
Miguel Ángel Domínguez, presidente de Alastria

O Colexio Profesional de Enxeñaría en Informática de Galicia (CPEIG) e a Axencia para a Modernización Tecnolóxica de Galicia (AMTEGA) organizan este venres, 23 de xullo, un espazo de networking e debate chamado tres14.pm. Celebrarase de maneira presencial, para un grupo máximo de quince profesionais do sector das TIC ou outras persoas interesadas na materia, no Centro GaiásTech situado na Cidade da Cultura en Santiago. O tema a tratar será a optimización dos beneficios dos Fondos Next Generation.
O programa, que se poderá seguir en streaming, conta con espazos de networking, de debate, opinión e coñecemento, invitando a expertos en distintas materias para que realicen unha exposición seguindo un programa específico no que reflectirán, en catorce minutos, tres principios sobre dita temática de cara a establecer un coloquio posterior cos participantes. O relator desta primeira xornada do venres será Miguel Ángel Domínguez, presidente de Alastria, e impartirá unha conferencia titulada Innovación, robotización e BlockChain para optimizar os beneficios dos fondos Next Generation.
O experto sinala que “a innovación é fundamental se desexamos, tal e como se esixirá cos 140.000 millóns de euros dos Fondos Next Generation, transformar a estrutura económica do país, para lograr que sexa máis verde e mais dixital”. En relación á robotización, salienta que “ser eficiente é imprescindíbel para poder xestionar co mesmo persoal dez veces máis expedientes, máis licitacións e máis subvencións que os dun exercicio normal”.
Este programa forma parte dunha ampla axenda que a AMTEGA está a promover dende o centro GaiasTech, onde a tecnoloxía se converte no vector do cambio das organización que poden ser respostas innovadoras cun alto valor engadido ás demandas da sociedade.

PUBLICIDADE