
Como dixemos, a entrega do galardón desenvolverase durante a celebración da quinta edición da Noite da Enxeñaría en Informática, a celebrar o día 4 no Hotel-Monumento San Francisco.
Segundo explica o CPEIG, a Deputación de Pontevedra “comezou xa en 2008 un proceso de modernización cunha clara aposta pola Administración Electrónica e con iniciativas de impulso á Sociedade da Información como o proxecto Repoblar (que achega a conexión a Internet de banda larga a tódolos cidadáns da provincia) marcando o punto de partida para a creación de novos servizos e iniciativas tecnolóxicas que melloran a calidade de vida da poboación”.
Asemade, o Colexio tamén salienta o proxecto eDepo, a administración nun Click, no que se insiren recursos como o Centro de Proceso de Datos Unificado, a multiplataforma de eServizos, o Boletín Oficial da Provincia en formato electrónico, a plataforma de xestión de contidos e a dixitalización do fondo documental, gráfico, sonoro e audiovisual do Arquivo Provincial e dos concellos de Pontevedra.
A xuízo do CPEIG, a iniciativa depoTIC: a tecnoloxía nas túas mans é “outro exemplo da aposta tecnolóxica da Deputación”, un proxecto a cuxo abeiro desenvolvéronse recursos como o Centro Provincial de Asesoramento Municipal 2.0; o Centro Provincial de Asesoramento Empresarial 2.0; o Centro Comercial Virtual da provincia e modelo de comercio electrónico para PEME; as oficinas de tramitación, dinamización e accesibilidade electrónica e a ampliación do centro de coñecemento avanzado para a explotación do patrimonio documental e bibliográfico. A iniciativa estase a empregar tamén para a potenciación dos servizos sociais a través das novas tecnoloxías, engade o Colexio.
DepoGAP Xestión de Activos Provinciais, Viñas Atlánticas, a Oficina Virtual Tributaria, IDEPo (Infraestrutura de Datos Espaciais da provincia de Pontevedra) e Smart Destinations veñen completar, engade a entidade profesional que preside Fernando Suárez, o esforzo feito nos últimos anos por parte da Deputación de Pontevedra para achegarlle a Administración á cidadanía e favorecer o acceso social ás novas tecnoloxías, obxectivo no que segue a traballar.
O CPEIG recoñece cun galardón o traballo a prol das TIC da Deputación de Pontevedra
Compartir Este Artigo
