
O dito curso consta de oito horas de duración e está encamiñado ao profesorado de ensino non universitario (especialmente ao de Tecnoloxía e de Informática) de cara a formar a estes profesores no desenvolvemento de aplicacións informáticas coa ferramenta de Scratch, coa que despois se ensinará aos escolares os fundamentos da programación informática.
E en que se basea Scratch? É unha ferramenta informática que permite aos usuarios programar historias interactivas, xogos e animacións, e compartilas en liña con outros membros da comunidade. Deseñada para nenos de idades entre os 8 e os 16 anos, axuda aos máis novos a aprender a pensar de xeito creativo, razoar sistematicamente, e traballar en colaboración coa comunidade.
En canto aos obxectivos do curso: aprender a desenvolver aplicacións informáticas con Scratch; comprender a potencia do seu uso como ferramenta didáctica; coñecer metodoloxías e casos de éxito da ensinanza da programación con este software; e desenvolver estratexias de integración da programación con Scratch en distintas etapas e disciplinas educativas.
Informar que esta actividade terá lugar no Centro Demostrador TIC (CDTIC), en Santiago de Compostela, de 16.00 a 20.00 horas. As inscricións do profesorado realizaranse a través da ferramenta de formación do profesorado da Consellería de Cultura, Educación e O.U., mentres que os colexiados do CPETIG poderán rexistrarse na web do Colexio.
Engadir que a formación será impartida polos profesores Jesús Moreno León e José Ignacio Huertas Fernández. Jesús Moreno é enxeñeiro técnico en Informática e mestrado en enxeñaría de sistemas telemáticos, con máis de 10 anos de experiencia docente como profesor de informática en secundaria e formación profesional. Arestora traballa no Instituto Nacional de Tecnoloxías Educativas e Formación do Profesorado. José Ignacio Huertas Fernández é enxeñeiro técnico en Informática e mestrado en enxeñaría de sistemas telemáticos. Conta con 10 anos de experiencia docente como profesor de informática en secundaria e formación profesional. Na actualidade traballa no IES Polígono Sur de Sevilla.
O CPETIG achega aos máis novos á programación libre a través dun curso sobre Scratch
Compartir Este Artigo
