O Campus Virtual da UDC sufriu un ataque que disparou as conexións e colapsou o sistema

xoves, 30 de abril do 2020 S. P.

O Campus Virtual da Universidade da Coruña, fortalecido e ampliado estes días para dar servizo á comunidade universitaria durante o Estado de Alarma e a vixencia das súas restricións á actividade presencial, sufriu este mércores 29 de abril un ciberataque. O incidente, que xa foi contido na mesma xornada de onte, saldouse cun incremento inusual de conexións dun 600% con respecto a un día normal. A UDC comezou a rexistrar esta actividade un pouco antes da 18.00 horas, cun primeiro pico do 250% que logo converteuse nunha suba que acabou provocando o colapso do sistema.
Segundo informou a Universidade, “todos os datos apuntan a que esta caída foi provocada por un tipo de ataque informático automatizado (do tipo de denegación do servizo), no que se utilizou algunha botnet (conxunto de ordenadores sincronizados)”.
O número de conexións ao Campus Virtual realizadas desde países distintos a España pasou a ser dunhas poucas decenas nun día normal a máis de 125.000, chegando a supoñer máis do 60% das conexións totais. O informe feito pola UDC guinda ademais os seguintes datos: que o 89% das conexións realizáronse desde as mesmos dez enderezos IP, e que, polo menos, un mínimo do 30% das conexións fíxose desde redes de anonimización, “que enmascaran a dirección IP real da computadora de orixe”.