O Campus de Ferrol acolle a primeira microcredencial sobre dixitalización industrial que Siemens lanza en España
xoves, 19 de febreiro do 2026

- Ana Ares, vicerreitora do Campus de Ferrol e Responsabilidade Social; Juan Oliveira, director do técnico do Centro de Excelencia do Sector Naval (CESENA), Javier Fernández, director do CESENA Siemens Digital Industries Software, e Vicente Díaz, director da Escola Politécnica de Enxeñaría de Ferrol (EPEF)
Un total de 40 estudantes de grao e de mestrado da Escola Politécnica de Enxeñaría de Ferrol (EPEF) cursarán, ao longo deste 2026, sen horarios e ao seu propio ritmo, a microcredencial Expedite – Skills for Industry, desenvolvida por Siemens Digital Industries Software. Segundo explican fontes do Campus, rátase dunha formación en liña de 50 horas de duración e totalmente gratuíta para o alumnado da Universidade da Coruña (UDC) que nace como “un dos primeiros proxectos piloto destas características que a empresa de fabricación industrial alemá lanza en Europa e o primeiro en España”.
A formación arrinca este xoves 19 de febreiro no Campus Industrial de Ferrol e está dirixida a aquel alumnado e a aquelas persoas profesionais do eido da enxeñaría que buscan mellorar a súas competencias profesionais neste eido.
O estudantado inscrito nesta microcredencial conectará a teoría adquirida nas aulas con coñecementos do mundo real, centrados no ciclo de vida do produto e nas aplicacións de tendencia da Intelixencia Artificial (IA), no xemelgo dixital, na enxeñaría respectuosa co medio natural ou na Internet das Cousas (IoT).
Dende o Campus engaden que esta formación “introduce e fortalece determinadas capacidades críticas no lugar de traballo como poden ser a colaboración, a xestión de proxectos, os procesos e solucións empresariais ou mesmo a xestión de riscos”.
Amais, unha vez superada a microcredencial, o alumnado participante recibirá unha insignia dixital verificable, “o que lle brindará unha oportunidade única para diferenciarse nun panorama altamente competitivo”.
A relación entre a Universidade da Coruña (UDC) e Siemens Digital Industries Software viuse reforzada en 2022 coa creación da Aula Navantia-Siemens, situada no Edifico de Talleres, adscrito á Escola Politécnica de Enxeñaría de Ferrol (EPEF). Neste espazo pioneiro, o alumnado ten acceso ás ferramentas dixitais que emprega o estaleiro público para deseñar os seus buques e a súa creación forma parte dun dos eixos estratéxicos do Centro de Excelencia del Sector Naval (CESENA) que Siemens ten na cidade departamental, o da formación.
Baseada na contorna do xemelgo dixital, a Aula Navantia-Siemens do Campus Industrial de Ferrol permite deseñar un buque completo, desde a súa concepción inicial e simulación ata a fase final de servizo e mantemento.
