O Campus de Pontevedra acolle en novembro un novo maratón do Galizionario

xoves, 7 de novembro do 2019 Fernando Sarasketa

O vindeiro 14 de novembro imos ter na Universidade de Vigo unha nova xeira (a segunda edición, logo da de 2018: a convocatoria de estrea) do Emlex Wiktionary Hackfest, o maratón dirixido a sumar novos contidos ao Galizionario, a versión galega do Wiktionary. A cita será na Facultade de Ciencias da Educación de Pontevedra e o obxectivo é continuar pola senda de participación (unha senda concorrida) do anterior maratón adicado á versión galega do dicionario colaborativo, que tivo moi boa acollida.
Impulsado pola Fundación Wikimedia, o organismo responsábel da Wikipedia, o Galizionario comparte coa enciclopedia en liña o feito de que son os propios usuarios e usuarias as e os encargados da incorporación e edición dos seus contidos.
Aberto a toda a cidadanía interesada e con inscrición gratuíta, este maratón insírese nas actividades dun mestrado Erasmus Mundus, que coordina a Friedrich-Alexander University de Erlangen-Nümberg e no que participan diferentes universidades europeas. Así, seguindo este vieiro de cariz internacional, o evento contará coa participación do alumnado que cursa este posgrao na USC e na Universidade do Minho, como parte das actividades da súa materia sobre lexicografía colaborativa.
Entre as 12.00 e as 19.30 horas, as e os participantes neste Hackfest traballarán na facultade na incorporación de novos contidos a un dicionario que reúne na actualidade preto de 56.000 entradas. Previamente, o evento acubillará unha serie de obradoiros que nesta segunda edición suman a representantes das ramas locais da Fundación Wikimedia en Alemaña e Francia. O maratón abrirase cun coloquio no que Eneko López ofrecerá “unha panorámica do traballo de edición na edición castelá do Wiktionary”, tralo que a alemá Léa Lacroix e o francés Nicolas Vigneron afondarán en como as entradas no Wicktionario aliméntanse doutros proxectos da Fundación Wikimedia, como Wikisource. Logo dos coloquios e do acto inaugural, procederase á organización dos grupos de traballo, nos que as os asistentes contarán coa colaboración de varios editores do Galizionario.

PUBLICIDADE