O Campus de Pontevedra leva adiante a semana da recollida de refugallos electrónicos

martes, 19 de maio do 2015 Redacción

Coincidindo coa celebración do Día das Letras Galegas, este pasado domingo (17 de maio) festexábase tamén o Día Internacional da Reciclaxe e por este motivo botaba a andar onte a semana da recollida de RAAE (Residuos de Aparellos Eléctricos e Electrónicos), organizada pola Vicerreitoría do Campus de Pontevedra, no marco do proxecto Green Campus. Así, na mañá de onte instaláronse nos diferentes centros da contorna universitaria as caixas nas que calquera persoa interesada poderá depositar estes aparellos para que sexan recollidos e trasladados a un xestor de residuos autorizado.
“Esta iniciativa lévase a cabo coa arela de concienciar á comunidade universitaria da importancia que ten a reciclaxe, este tipo de aparellos implican un risco para o medio ambiente, polo que non poden tirarse en calquera colector”, resalta Celso Cancela, director da Área de Planificación do Campus. De aí que o propósito central dunha iniciativa que se desenvolve por primeira vez sexa incidir na importancia da reciclaxe, “para que no futuro, o alumnado asuma pautas de actuación correctas, coherentes e conscientes co medio ambiente”, como apunta Cancela, quen agradece á colaboración da Oficina de Medio Ambiente da Universidade, que será a encargada de coordinar a recollida de todos os dispositivos depositados nestas caixas para o seu traslado a un xestor autorizado.
Engade o responsable da Área de Planificación que esta iniciativa responde a “un dos compromisos que asumimos co proxecto Green Campus”, co que Pontevedra pretende converterse no primeiro Campus de España en acadar a bandeira verde que outorga a FEE (Foundation for Environmental Education) e que non é outro que “contribuír á concienciación ambiental da nosa contorna”.
Cómpre dicir que a dita campaña se estenderá ata o venres 22 e que ten vocación de continuidade. “A idea é que sexa unha actividade periódica e realizala cando menos dúas veces ao ano”, sinala Cancela, que dá azos á comunidade universitaria para achegarse a estes puntos de recollida “calquera aparello eléctrico ou electrónico que teñan na súa casa e do que queiran desfacerse, porque estean avariados ou simplemente porque non os usen, xa que a normativa con este tipo de residuos é moi estrita e teñen que ir parar a mans dun xestor autorizado para o seu tratamento”.