O Centro Ágora da Coruña contribuirá cun curso a tirar abaixo muros dixitais

martes, 6 de agosto do 2019 Redacción

A Biblioteca Municipal do Centro Ágora da Coruña vai organizar en outubro, entre os días 14 e 25, unha actividade formativa de alfabetización dixital para a cidadanía. Trátase, máis en detalle, dun curso de iniciación á informática, Internet e correo electrónico, dirixido a maiores de catorce anos e de trinta horas de duración. As persoas interesadas en participar deberán inscribirse entre o 7 e o 14 de outubro. A formalización da matrícula pódese facer de maneira presencial na Biblioteca Pública do Centro Ágora, que é onde se vai desenvolver a actividade formativa, en horario de 9.00 a 12.00 horas.
O curso vai especialmente encamiñado a persoas sen coñecementos tecnolóxicos que queiran tirar partido das ferramentas dixitais, comezando polos usos máis básicos e subindo logo novos chanzos no seu coñecemento TIC. “Neste curso”, sinala a organización, “adquiriremos as habilidades básicas para o manexo do teclado e do rato, para a administración e uso de arquivos e cartafoles, para a procura de información na Internet, o acceso a servizos e trámites en liña e a creación e xestión dunha conta de correo electrónico”.
A actividade incluirá unha aproximación á historia de Internet e os seus conceptos básicos; explicacións e prácticas co teclado e co rato; creación, denominación e emprazamento de carpetas; prácticas en buscadores, uso de arquivos e coñecemento sobre os seus formatos, descarga de ficheiros ou conceptos sobre como visitar web de interese e tirarlles o máximo proveito. Tamén se introducirá ao alumnado en correo electrónico, en xestión de contactos ou no uso dos dispositivos móbiles, entre outros moitos contidos.

PUBLICIDADE