O Centro de Dinamización de Boiro remata xaneiro con 73 novos usuarios e usuarias

martes, 2 de febreiro do 2010 Raquel Noya

A Rede de Dinamización da Sociedade da Información continuou en xaneiro co seu traballo decidido a prol da inmersión da sociedade galega nas novas tecnoloxías en Boiro e lonxe de ver un descenso na listaxe de asistentes respecto a 2009, o centro rexistrou 73 novos usuarios e usuarias, que atopan na aula as ferramentas que precisan para poder estar ao día no tocante a Internet e ás TIC.
Asemade, o CDSI de Boiro impartiu en xaneiro un total de 7 obradoiros tecnolóxicos que se estenderon ao longo de 52 horas e a través dos cales se formou a 69 persoas procedentes da localidade costeira e arredores.
O curso máis impartido este mes foi Folla de Cálculo, que dada a demanda de usuarios, tivo que repetirse ata en tres ocasións. Seguíronlle o obradoiro de Iniciación á Informática, o de Iniciación á Internet, o de Procesador de textos Writer e o de Mecanografía, no que as persoas asistentes aprenderon a usar con máis soltura o teclado do ordenador.
Boiro tamén acolleu no mes pasado unha charla sobre as Novas tecnoloxías aplicadas á vida cotiá, na que as persoas asistentes se informaron das vantaxes que ofrece a día de hoxe ter uns coñecementos básicos de informática e Internet para desenvolverse no seu día a día.
En total, as instalacións da Rede de Dinamización en Boiro usáronse ata en 920 ocasións este mes e desde que a aula botara a andar neste concello coruñés, alá polo 2007, foron xa máis de 1500 os usuarios e usuarias que fixeron o carné da RDSI. Neste tempo leváronse a cabo 153 obradoiros nos que se formou apreto de 1400 participantes. Aínda que os obradoiros son a principal actividade formativa que oferta a Rede, tamen se levaron a cabo 9 iniciativas e algunha charla relacionada coas novas tecnoloxías.
Agora, no mes que estreamos, os dinamizadores desta aula xa están a traballar en novos proxectos entre os que destaca un obradoiro sobre Procura de Información en Internet, que se desenvolverá dende hoxe ata o vindeiro día 23 de febreiro.