O Chuza francés, sancionado pola xustiza

venres, 28 de marzo do 2008 Fernando Sarasketa

Olivier Martínez con Kylie Minogue

O Chuza francés está no seu país de orixe nun punto decisivo da súa historia. Ou, para dicilo doutra maneira, está neste intre facéndose maior, e do xeito máis destemplado posible: cunha condena da xustiza. O caso é que se trata da primeira vez que unha comunidade en liña posta en marcha por internautas se ve unha enleada semellante, segundo informa El País, e a sanción –motivada por unha denuncia do actor Olivier Martinez , coñecido por ter participado en filmes como Infiel (onde lle roubaba a muller a Richard Gere)- terá unha contía final de 1.000 euros. O caso é que o Fuzz.fr, foi culpable neste caso concreto por permitir albergar no seu contorno unha ligazón cara a un texto difamatorio sobre o devandito actor, segundo sinalaron os tribunais franceses.
Cómpre lembrar que o seu funcionamento é semellante ó da dita comunidade en liña galega ou a Menéame: trátase dunha escolma das novas máis salientables do día achegadas directamente polos seus membros e posta logo a disposición dos demais, dos seus comentarios e das súas achegas. Do que se trata é, polo tanto, de compartir información e de discriminar o non relevante do que si o é na marea de datos que constitúe o día a día da Internet. Segundo apunta a xustiza francesa, este tipo de webs teñen a obriga de retirar calquera ligazón que remita a un contido que atente contra a dignidade das persoas, malia non ser responsables directos deses textos en concreto.

PUBLICIDADE