O CiTIUS loce hoxe músculo na xornada Inside the Lab

venres, 14 de xullo do 2017 Fernando Sarasketa

Hoxe celébrase no CiTIUS da Universidade de Santiago unha xornada que é, en si mesma, unha boa oportunidade para amosarmos ao futuro das novas tecnoloxías. Ou sexa, para asomarnos a todas aquelas cousas que as tecnoloxías nos van axudar a facer dun xeito máis rápido, eficaz e rendíbel. Cousas como por exemplo vixiar polo miúdo a nosa saúde cardíaca (a través dun electrocardiograma que non é máis grande ca un cartón de crédito) ou protexernos de acosadores ou terroristas (mediante un complexo e avanzado sistema de rastrexo que os detecta nas redes sociais). Todo isto e máis poderemos velo, in situ, na terceira edición de Inside the Lab, un encontro de portas abertas dos investigadores do CiTIUS cos representantes da nosa industria e das nosas administracións.
Inside the Lab, para que nos fagamos unha idea do que representa, é unha xornada intensiva de transferencia tecnolóxica: unha oportunidade para tender pontes entre o CiTIUS e o mundo que ten ao seu arredor. Trátase, ademais, dunha fórmula de éxito, tal e como quedou manifestou nas anteriores convocatorias, nas que se selaron importantes acordos con compañías estatais e internacionais.
Entre as cousas que o sector empresarial e as administracións poderán coñecer atópanse sistemas para a captación de enerxía do ambiente co fin de abastecer tecnoloxías médicas bioimplantábeis, algoritmos para a detección precoz de persoas en risco de padecer depresión ou solucións baseadas na técnica LIDAR para a detección e identificación de edificacións. En palabras do CiTIUS, trátase “dunha ampla gama de resultados transferíbeis en múltiples ámbitos, escollidos polo miúdo co obxectivo de cubrir distintas necesidades do sector industrial e da sociedade”.
O encontro contará, ademais, coa presenza de dúas das spin-offs creadas por investigadores do CiTIUS: Situm, que centra a súa actividade no desenvolvemento de tecnoloxías de xeoposicionamento en interiores, e Imagames, empresa orientada ao desenvolvemento de solucións de gamificación en diversas contornas, como a formación de empregados e estudantes, ou a mercadotecnia dixital.
Segundo informou os días pasados o CiTIUS, amosaranse e probaranse, en total, unha decena de solucións tecnolóxicas de última xeración, todas elas orixinais e singulares, non apoiadas nin xurdidas de probas e desenvolvemento doutras entidades e centros.
Unha destas solucións é Minería de datos para a detección temperá de riscos. Este proxecto, que posibilita a análise pormenorizada de textos nas redes sociais para achar ameazas antes de que se produzan, ten unha manchea de aplicacións, sobre todo ao abeiro dos corpos de seguridade. A través desta tecnoloxía, poden facer cousas como localizar depredadores sexuais a través de rastrexos nas redes, ou ben pederastas ou terroristas islámicos. Asemade, o sistema achega potencial para localizar potenciais suicidas, líderes de seitas ou persoas que animen a outras sobre os supostos beneficios da anorexia.

PUBLICIDADE